Skip to main content

A Consellería de Medio Ambiente axilizará a tramitación dos expedientes medioambientais

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, comprometeuse a reducir os tempos de tramitación dos expedientes medioambientais referidos á implantación de novos proxectos empresariais en Galicia, aínda que “garantindo o cumprimento da lei”, advertiu. Vázquez fixo este anuncio tras reunirse co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontela, no seu despacho en San Lázaro. O titular do departamento de Medio Ambiente prometeu reducir o tempo de tramitación dos procedementos nun 30% ou 40% o primeiro nun ano, e ata o 50% en dous.

Manuel Vázquez afirmou que o principal obxectivo da súa Consellería é acadar “un equilibrio medioambiental para Galicia”, ao mesmo tempo que se favoreza o desenvolvemento do país. “Nos imos garantir o cumprimento da lei e os empresarios van a ter unha porta permanentemente aberta”, dixo o titular de Medio Ambiente, quen recordou que o novo Goberno ten un “compromiso co noso entorno que debemos cumprir”. Na mesma liña, Vázquez anunciou que se ía crear un novo servicio de información e asesoramento, ao que poderán acudir os empresarios antes de poñer en marcha os seus proxectos. “Queremos orientar á xente para evitar que se produzan agresións ambientais”, declarou o titular de Medio Ambiente.

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontela, agradeceu o apoio expresado polo conselleiro e afirmou que se “abren canles de colaboración importantes”. Non en vano, o 95% dos proxectos empresariais deben pasar polo departamento de Medio Ambiente durante o proceso administrativo para a obtención da súa autorización. Neste senso, Manuel Vázquez, recordou que a súa “é unha consellería troncal”, que ten que buscar o equilibrio medioambiental en colaboración cos sectores políticos, económicos e empresariais para acadar o desenvolvemento sostible da nosa comunidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia