Skip to main content

Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero acordan que os orzamentos do Estado para 2006 fagan un esforzo especial con Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, acordaron que os orzamentos do Estado para 2006 fagan un esforzo especial con Galicia. Neste sentido, José Luis Rodríguez Zapatero comprometeuse con Emilio Pérez Touriño a discriminar positivamente a Galicia para que se incorpore ao ritmo do resto das Comunidades de España e de Europa. Trátase, en definitiva, de que a Comunidade galega poida acurtar distancias e acelerar o seu crecemento.

O titular do Goberno galego, que mantivo unha entrevista dunha hora e media de duración co presidente do Goberno central no Pazo da Moncloa, cualificou o encontro de “moi cordial” e destacou o clima de cooperación que preside as relacións entre a Comunidade galega e o Goberno de España.

Emilio Pérez Touriño compartiu con Zapatero as prioridades da Comunidade Autónoma que deben ser reflectidas nos orzamentos do Estado de 2006: en primeiro lugar, incentivar e promover a competitividade da sociedade galega a través da potenciación da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico para que Galicia dea un salto adiante na competitividade da súa economía; en segundo lugar, priorizar o gasto social co obxectivo de paliar o déficit social existente en Galicia; e en terceiro lugar, a aposta polos proxectos estratéxicos pendentes da Comunidade Autónoma. Neste sentido, Emilio Pérez Touriño destacou que os orzamentos do Estado permitirán impulsar e acelerar a Autovía do Cantábrico, a conexión de Galicia coa meseta a través do tren de alta velocidade e a consolidación do AVE do Eixo Atlántico. Ademais, Emilio Pérez Touriño trasladoulle ao presidente do Goberno central a súa preocupación coa necesidade de impulsar o saneamento das rías galegas.

Tralo encontro, o presidente da Xunta amosouse convencido de que os orzamentos do Estado “serán a continuación dun esforzo na liña de converxencia de Galicia con España” e que permitirán corrixir déficits históricos da Comunidade Autónoma galega e avanzar na cohesión territorial e social. Emilio Pérez Touriño considerou, ademais, que non é agora o momento de falar de cifras, pero asegurou que os orzamentos para Galicia terán un crecemento por riba da media e que a porcentaxe estará por riba da porcentaxe da poboación.

AXUDAS EN MATERIA DE INCENDIOS

O titular do Goberno galego tamén lle trasladou ao presidente do Goberno español a súa preocupación pola ola de incendios que sufriu Galicia nos últimos meses. Neste sentido, Touriño anunciou que, durante a xuntanza, José Luis Rodríguez Zapatero se comprometeu a sumar a Galicia ás axudas que establece o real decreto lei aprobado polo Goberno central no mes de xullo para paliar os efectos dos incendios forestais, unha vez que a Comunidade presente un informe de avaliación de danos.

O presidente da Xunta amosouse confiado en que estas axudas permitirán poñer en marcha medidas de rexeneración, impulso económico, social e medioambiental das zonas afectadas.

PEAXE DE RANDE

O titular do Goberno galego anunciou ademais o compromiso do presidente do Goberno central coa liberación da peaxe da ponte de Rande. Touriño salientou, neste sentido, que no mes de xaneiro se presentará unha proposta que permita dar unha solución á peaxe.

Trala xuntanza, o presidente da Xunta amosou a súa “satisfacción” por ter obtido o compromiso político do presidente do Goberno español de buscarlle unha solución a este problema que afecta a unha das zonas con máis actividade de toda Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia