Skip to main content

O conselleiro de Traballo solicita ao Ministerio a máxima colaboración en políticas contra a precariedade laboral

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, reuniuse co ministro de Trabajo y Asuntos Sociales, Jesús Caldera, na sede do Ministerio en Madrid. Trátase do primeiro encontro entre ambos dende que Ricardo Varela tomou posesión do seu cargo á fronte da nova Consellería de Traballo.

Durante a entrevista Ricardo Varela trasladoulle ao ministro varias cuestións prioritarias do novo Executivo galego en materia de emprego, incidindo con especial relevancia na solicitude da máxima colaboración do Goberno Central en políticas contra a precariedade laboral.

COOPERACIÓN INSTITUCIONAL

Co obxectivo de mellorar ás diversas áreas laborais na nosa comunidade, o conselleiro solicitoulle ao ministro o incremento da colaboración entre as Administracións Autonómica e Central en diversos ámbitos.

Así, Ricardo Varela salientou a necesidade de intensificar a cooperación entre Xunta e Ministerio en materia de Inspección de Traballo, cooperación que debería pasar pola mellora tanto das dotacións de inspeccións de traballo como polo incremento dos medios materiais precisos para a súa maior actividade e eficacia.

Outro dos asuntos nos que debería incrementarse a colaboración entre ambos executivos, segundo o conselleiro, é na posta en marcha dun plan de modernización en materia de seguridade e saúde laboral, que axude a acabar cunha das maiores lacras do emprego en Galicia, a siniestralidade.

O conselleiro incidiu ademais na conveniencia de uniformar e coordinar os servizos de colocación para mellorar a súa efectividade e a necesidade de establecer un calendario anual e conxunto entre o INEM e as Comunidades Autónomas para as acreditacións de competencia profesional (cualificacións).

Así mesmo Ricardo Varela valorou de interese formalizar unha colaboración institucional para coordinar unha maior efectividade en materia de información sobre prestacións de desemprego. A situación actual reflexa un cadro de disfunción en canto ó que corresponde á xestión das prestacións dos funcionarios do INEM e a información ós funcionarios do Servizo Público de Emprego da nosa comunidade autónoma, xa que estes últimos non contan cos recursos necesarios (como o acceso informático ós datos) para informar ós solicitantes das prestacións.

ESTUDIO DE TRANSFERENCIAS

O conselleiro de Traballo recordoulle ó ministro que en varias ocasións se barallaron como posibles as transferencias de diversas materias á Xunta de Galicia, transferencias sobre as que ata o momento non se fixou criterio.

Neste senso, Ricardo Varela solicitoulle a Jesús Caldera un paquete de transferencias no que se incluiría:


- A transferencia dos recursos humanos, medios materiais e técnicos para a xestión da formación continua, incluída á referente ás empresas na modalidade de bonificacións
- A transferencia dos medios persoais, materiais e técnicos das unidades administrativas periféricas do Fondo de Garantía Salarial e da cota correspondente de servizos centrais.
- A transferencia dos recursos humanos, servizos, medios materiais e técnicos en materia do Instituto Social da Mariña, á excepción das referidas á Seguridade Social.

COMPETENCIAS COMPARTIDAS

O conselleiro e o ministro tamén falaron das melloras na xestión das competencias compartidas. O conselleiro solicitou a flexibilización da orde ministerial sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da seguridade social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas, xestionada directamente pola administración autonómica, a través de publicacións anuais de convocatoria. Do que se trata é, basicamente, de modificar o requisito de idade mínima para acollerse a ela o traballador na financiación dos apoios empresariais, facultando á comunidade autónoma para a fixación da mesma.


Ricardo Varela e Jesús Caldera tamén debateron sobre a colaboración para a mellora de xestión de datos informáticos en materia de rexistro de demandantes de emprego (SISPE). Trátase de efectuar un seguimento do novo aplicativo de xestión da intermediación laboral, a través da creación dun comité de coordinación e seguimento, e tres grupos de traballo: de producción, de táboas e grupo específico.


DIÁLOGO SOCIAL

Durante a reunión os responsable de Traballo das administracións Central e Autonómica intercambiaron criterios sobre o diálogo social, xa que mañá o conselleiro se reunirá coa patronal e cos sindicatos galegos, e o vindeiro luns o ministro fará o propio cos axentes económicos e sociais estatais.

O conselleiro salientou a relevancia do inicio do diálogo social en Galicia, compromiso de goberno asumido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, xa que o proceso incidirá en aspectos tan relevantes como a potenciación do emprego de calidade, a adaptación en liñas de eficiencia dos recursos públicos para favorecer o emprego e a súa calidade, a mellora en materia de seguridade e saúde laboral, así como a decidida vontade de modernización das empresas e o desenvolvemento das iniciativas empresariais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia