Skip to main content

Remata a campaña de recollida selectiva de residuos urbanos nas praias galegas

A praia fluvial do Tinteiro, en Ourense, acolleu a última xornada da campaña de recollida selectiva de residuos urbanos nas praias. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, levouse a cabo durante os meses de xuño, xullo e agosto en 72 zonas de baño de Galicia.

A actuación forma parte dun proxecto máis amplo de implantación de recollida selectiva de refugallos, que se iniciou no ano 2003 cos seguintes obxectivos:


• Reforzar a sensibilización da poboación con respecto á reciclaxe de residuos domésticos.
• Ampliar a recollida de envases de plástico, latas e bricks nas praias e zona de baño de toda Galicia
• Dar continuidade ao hábito de separación de residuos que xa se mantén noutros ámbitos da vida cotiá coma a casa ou os lugares de traballo.

Durante os pasados meses entregáronse persoalmente máis de 22.000 agasallos, tales como gorras, pelotas de praia ou parasoles para o coche, nos 72 areais participantes no proxecto, constituíndo un premio para aqueles usuarios destas zonas que solicitaban información. Nembargantes, foron moitos miles máis, as persoas que viron os elementos gráficos de apoio á xornada de informativa e os que souberon da campaña a través dos medios de comunicación.

Ademais, fixéronse un total de 2.800 enquisas, a partir das cales se pode sinalar que a práctica totalidade dos entrevistados considera moi ou bastante necesaria a recollida selectiva dos residuos urbanos nas praias, mentres unha ampla maioría sabe que eses refugallos se reciclan.


Segundo esta enquisa a maioría da xente asocia o colector amarelo principalmente á recollida de envases de plástico, as latas de bebidas e as latas de conservas. Outros envases ou fraccións dos mesmos que hai que depositar nos colectores amarelos (tapas e chapas metálicas, envases compostos, envoltorios de aluminio) apenas son sinalados.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia