Skip to main content

Un total de 41.961 pacientes do Sergas esperaban o 26 de agosto unha media de 135 días

Un total de 41.961 pacientes do Sergas esperaban, a 26 de agosto, unha media de 135 días. Así o dixo a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, nunha rolda de prensa na que deu conta da súa decisión de incluír nas listas oficiais de listas de espera aos pacientes asignados a Povisa. Na mesma comparecencia anunciou a aposta do seu Departamento por buscar vías que melloren o rendemento e a capacidade dos servizos e mellorar o fluxo de pacientes procedentes de Atención Primaria.

Así, segundo os datos facilitados por María José Rubio dos 41.961 pacientes do Sergas que esperaban para ser intervidos cirurxicamente, 20.282 agardaban menos de tres meses, outros 14.179 esperaban entre tres e seis meses. Outros 4.779 pacientes esperaban máis de seis meses e menos de doce, e outros 2.721 agardaban máis dun ano. Estes datos foron comunicados onte pola conselleira de Sanidade aos demais membros do Goberno galego no transcurso do Consello da Xunta de Galicia.

Á hora de contabilizar estas esperas, a Consellería de Sanidade decidiu visualizar os pacientes asignados á Povisa, que ata agora non se facían públicos na páxina web, sen que houbera razón técnica algunha.

María José Rubio Vidal salientou que entre estes pacientes ningún ten patoloxías urxentes, xa que non existen enfermos de prioridade 1 en lista de espera.

Logo de reiterar o compromiso do Goberno galego de fixar anualmente os obxectivos de redución das listas de espera e os seus recursos, salientou que previamente o seu equipo quixo comprobar o estado real das listas de espera, logo de comprobar que había unha evolución nos datos quincenais que permitía que a 30 de xuño e a 31 de decembro dos últimos cinco anos descendera a media das esperas. As listas de espera contabilízanse puntualmente e para o seu control interno o Sergas fai estudos periódicos. Eses estudos, segundo dixo a conselleira de Sanidade, son os que permiten comprobar como nos meses de xaneiro incrementábase notablemente as esperas, pese a ser un mes no que os dez primeiros días son practicamente inhábiles; igual que no mes de xullo, en pleno período estival.

Outro dos puntos nos que incidiu María José Rubio na súa comparecencia foi a determinación do seu departamento de que o cidadán saiba en todo momento a fase na que se atopa o seu proceso. Neste punto, fixo un especial fincapé en salientar que os cidadáns deben de saber que se rexeitan ser intervidos noutro centro do Sergas, ou nun centro concertado, automaticamente perden os seus dereitos recollidos no Decreto de Garantías, que di que todo paciente ten dereito a ser intervido no centro que desexe se na rede do Sergas no é operado nun prazo de 180 días.

A conselleira de Sanidade comprometeuse a traballar en todos os ámbitos asistenciais, para corrixir o desaxuste que provoca a existencia das listas de espera, Dunha banda anunciou a determinación de introducir criterios de calidade na xestión dos distintos procesos que interveñen nun proceso cirúrxico; ou a reasignación de recursos onde sexa necesario. Adiantou que centro por centro e servizo por servizo, o Sergas vai revisar as causas das esperas, e dentro dunha mesma especialidade vanse redefinir as prioridades.

María José Rubio amosouse contraria aos plans de choque, xa que está demostrado que logo de alcanzar os obxectivos a 30 de xullo e a 31 de decembro volvía a se producir un notable ascenso nas esperas.

A Consellería de Sanidade está traballando en introducir nos hospitais unha modalidade de prolongación da xornada co fin de aproveitar os recursos de tarde. Será unha alternativa voluntaria para o persoal do Sergas no conxunto das especialidades, coa que se pretende atallar de raíz o problema das esperas. Está alternativa farase para as consultas externas, para os servizos centrais e para o persoal implicado nos procesos cirúrxicos. O Sergas vai negociar, previamente a súa proposta cos representantes dos sectores.

Xunto a estas medidas que reforzan a atención hospitalaria, a Administración Sanitaria tamén vai a contemplar medidas que incidan nos recursos de Atención Primaria.

Finalmente, María José Rubio insistiu en que todos os pacientes pendentes dunha operación están contabilizados e xa deu ordes ás direccións dos hospitais para que se comunique aos enfermos o seu estado actual, se ben o seu importante volume pode levar certo tempo.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)