Skip to main content

O presidente da Xunta solicita a colaboración do Museo do Pobo Galego para definir os contidos e a utilización da Cidade da Cultura

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, solicitou ó Museo do Pobo Galego a súa colaboración para que informe ó Goberno galego dos contidos e usos que se lle poden dar á Cidade da Cultura. O titular do Executivo autonómico fixo pública esta información tras recibir no seu despacho de San Caetano ó presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, ó presidente da Xunta Rectora da institución, Justo Beramendi, e ó director do museo, Carlos García.

O máximo mandatario galego aproveitou a reunión para solicitar ó Museo do Pobo Galego a súa colaboración, coa finalidade de que “informe en relación cos contidos e utilización posible, coa mellora en todo o que sexa necesario, do proxecto da Cidade da Cultura”. Precisou que require da súa valoración “en particular para todo o que ten que ver coa área museística, a biblioteca e o arquivo de Galicia”. “En definitiva, que o Museo nos poida axudar precisamente a enriquecer e a mellorar un proxecto que sen dúbida Galicia necesita”, explicou.

O presidente da Xunta destacou que a Cidade da Cultura precisa dunha “avaliación e análise para darlle todo o contido e sacar todo o potencial que ten que ter un proxecto de tanta envergadura”. Subliñou “o esforzo que lle está a dedicar a Comunidade a un proxecto que precisa mellorar a súa definición, os seus contidos e ser explotado ó máximo no interese do país e da nosa capacidade cultural”.

Emilio Pérez Touriño cualificou como “unha honra e unha satisfacción” o feito de que unha das súas primeiras audiencias fose precisamente “con Isaac Díaz Pardo e o Padroado do Museo do Pobo Galego”, unha institución que “leva moitos anos traballando a prol da nosa cultura, da recuperación do noso patrimonio cultural e artístico”. Loubou a entrega do presidente do Padroado, como unha das personalidades “senlleiras e relevantes do noso país e que hoxe segue traballando coa mesma enerxía, vocación e intensidade”.

“Como presidente, quero transmitirlles directamente a vontade de apoiar ese traballo inmenso que veñen realizando, de facer recoñecemento expreso ó mesmo e de confiar ilusionadamente en que o sigan facendo, ó servizo do país, da nosa cultura e identidade”, manifestou Emilio Pérez Touriño ós membros do Padroado.

De feito, o xefe do Executivo autonómico anunciou a súa intención de facer un esforzo “de xustiza” polo recoñecemento ó labor que vén facendo o Museo do Pobo Galego. “Polo tanto, terán todo o apoio necesario do Goberno galego para que poidan, dende a plena autonomía e liberdade, desenvolver a súa tarefa pola cultura”, explicou.


Neste sentido, precisou que “ligado á Cidade da Cultura pero máis aló do propio proxecto” hai un campo inmenso na área da arqueoloxía e recuperación patrimonial que considera preciso “ordenar” e “potenciar”. Asegurou que a Xunta de Galicia desenvolverá este compromiso “dende a dirección política da Consellería de Cultura” e apuntou que “o Museo do Pobo Galego sen dúbida é un magnífico instrumento”.

Pola súa banda, Isaac Díaz Pardo agradeceu “a deferencia que tivo o presidente de recibirnos aquí voluntariamente” e salientou que Emilio Pérez Touriño “é un membro xa de hai moitos anos da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos e, de algunha maneira, é o presidente do Museo do Pobo Galego”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia