Skip to main content

Quintana quere dar a tódolos alcaldes galegos o rango institucional que lles corresponde

O vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, comezou coas roldas de contactos que ten previsto manter cos distintos alcaldes galegos, recibindo no seu despacho ao alcalde de Baiona, o popular Jesús Vázquez Almuiña e ao alcalde de Mugardos, o nacionalista Xosé Fernández Barcia.

Anxo Quintana anunciou a súa intención de que os alcaldes galegos teñan o rango institucional que lles corresponde, no seu trato co Goberno galego porque son “os representantes dos cidadáns” no ámbito local e como tal se lles vai tratar, “ independentemente da súa cor política”.

O vicepresidente quere dar ós mandatarios municipais o mesmo trato, dixo, que el sempre pediu ao Goberno galego, cando era o alcalde de Allariz.

APOIO AOS PROXECTOS

Anxo Quintana asegurou que dende o Goberno galego vaise tratar de dar apoio aos proxectos que queren por en marcha nas súas vilas ambos mandatarios, igual que fará cos de “calquera concello”.

Tralo encontro, o alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, dixo que se abre unha nova etapa en Galicia que vai ser “ moi positiva” para Mugardos, porque poderá contar con proxectos interesantes.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia