Skip to main content

A Consellería de Medio Ambiente financiará o saneamento do Río Sil e unha nova rede de abastecemento no Barco de Valdeorras

O saneamento do río Sil e a renovación da rede de abastecemento de auga do municipio do Barco de Valdeorras (Ourense) foron dous dos proxectos que o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández, se comprometeu a desbloquear e financiar durante a reunión que tivo co alcalde desta localidade, Alfredo García. O Concello do Barco, pola súa banda, garantizou que remitirá con carácter urxente á Consellería de Medio Ambiente un proxecto de obras imprescindibles para solventar os problemas de abastecemento de auga que padecen os núcleos rurais deste municipio.

Durante a entrevista que se celebrou no despacho do conselleiro en Santiago, Manuel Vázquez comprometeuse co alcalde do Barco a cofinanciar as actuacións de saneamento do río Sil co fin de que as obras saian a concurso canto antes e eliminar así os atrancos que padecía este proxecto. O responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén garantiu que o seu departamento financiará en tres anualidades as obras para a sustitución e a modernización da rede de abastecemento de auga deste municipio ourensán. Trátase dun proxecto necesario para paliar os problemas de escasez de auga que padecen os veciños do Barco de Valdeorras. Desbloquease así unha obra que leva aparcada desde 2002.

O alcalde do Barco de Valdeorras tamén plantexou a necesidade de que a Consellería de Medio Ambiente retome o estudio para a creación dun vertedoiro de inertes, co obxectivo de que as obras de construcción poidan comenzar o vindeiro ano. O conselleiro tamén adquiriu o compromiso formal de que este municipio ourensán teña en 2006 unha axenda 21, con proxectos de desenvolvemento sostible e ambientais no eido municipal.

Manuel Vázquez, a suxerencia do rexedor do Barco, prometeu convocar nun breve prazo de tempo reunións cos responsables da pizarra nesta comarca de Ourense coa finalidade de buscar solución aos problemas que xeran as escombreiras deste material. O conselleiro de Medio Ambiente tamén mediará para intentar solventar os problemas provocados polo peche de hornos de CEDIE. Tratará de entrevistarse cos responsables desta empresa para abordar este asunto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia