Skip to main content

Máis de trece mil persoas disfrutaron da programación do Verán Cultural en Tui. A resposta do público segue a confirmar a Tui coma referente cultural

Esta programación comezou o 2 de xullo cun dos dous eventos que máis público congregou na Praza de San Fernando. “El Consorcio” achegou ata Tui os seus éxitos de sempre, e os incondicionais desta agrupación ateigaron a praza. Exitoso tamén foi o I Festival Internacional da Amizade, no que centos de persoas volveron enche-la praza de San Fernando o 4 de agosto, para coñecer o folclore de México, Bielorrusia, ou a Illas Futuna.

En total foron quince espectáculos os que se puideron disfrutar ao longo de nove semanas nas que houbo música, teatro, cine, danza, folclore… A axenda máis apretada estivo nas fins de semana do 24 e do 31 de xullo con actividades venres, sábado e domingo dentro do programa Musicarte da Consellería de Cultura, da Xunta de Galicia. Foi un encontro coa cultura da outra beira do Miño coa Compañía de Danza Contemporánea de Portugal ou con Peripecia Teatro. Pero tamén houbo no ámbito de Musicarte, a oportunidade de asistir ao estreo de “Faro” a última montaxe de Fulano, Mengano e Citano, que en Tui foi seguida por 1.200 persoas no pavillón do IES San Paio.

A música en directo, amais de con El Consorcio, chegou tamén da man de “Un cuarteto Divertido”, Faltriqueira, Rosa Cedrón e Doa, o Festival de Banda de Música e dos grupos locais Heissel e Phantom no Miño Music.

O folclore foi outro dos pratos fortes na programación do verán cultural en Tui. Grupos de Grecia, Sevilla, A A Guarda e Tui protagonizaron unha nova edición do XII Encontro dos Pobos. No parque do Laxal en Rebordáns, a Asociación Cultural San Fins achegou o exotismo de China, ou Bielorrusia, e no Festival da Amizade tendéronse pontes culturais entre Galicia, Portugal, as Illas Futuna, México e Venezuela.

E nesta programación non faltou tampouco o cine coa proxección de dúas películas de animación Shrek2 e Los Increíbles.

Dende a Concellería de Cultura faise un balanzo moi positivo destas actividades de verán, inseridas na programación do segundo semestre do ano en Tui. Valorase amais a excelente resposta do público que segue a confirmar a Tui coma un punto referencia no mundo da Cultura. O concelleiro responsable deste departamento, Moisés Rodríguez, salienta que “vense confirma que o traballo serio, desenvolvido ao longo de moito tempo, está xa dando os seus froitos”, e engade que “temos que seguir traballando nesa mesma dirección para seguir gañándonos o respecto a consideración do público”.

Agora tras un descanso no mes de setembro, o 7 de outubro retómase a programación, xa no Teatro Municipal, con novos espectáculos ata finais de decembro. Haberá tamén na programación de outono diversas actividades dirixidas aos escolares do municipio.


Cultura Concello de Tui