Skip to main content

A Xunta de Galicia abre o diálogo cos tres grupos políticos para abordar a conferencia de presidentes

A Xunta de Galicia abrirá mañá o diálogo cos tres grupos políticos para abordar a Conferencia de Presidentes que terá lugar este sábado no Senado da Nación. Cumprindo cun compromiso programático, expresado polo presidente galego, Emilio Pérez Touriño, no seu discurso de Investidura, o Goberno galego convocará mañá a un voceiro de cada grupo parlamentario representado na Cámara galega para poñer en común os temas que se analizarán na xuntanza do presidente do Goberno español cos máximos mandatarios autonómicos.

Os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu; de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, e de Sanidade, María José Rubio, ostentarán a representación da Administración autonómica nunha reunión de traballo na que tamén participarán, segundo o previsto, un voceiro do Grupo Parlamentario Popular, un do Partido Socialista de Galicia, e un do Bloque Nacionalista Galego.

ESCOITAR E RECOLLER CRITERIOS

Esta xuntanza previa á Conferencia de Presidentes ten como finalidade recoller os diferentes criterios e opinións expostos polos distintos partidos representados no Parlamento galego.

O Executivo galego ten o firme propósito dar comezo a unha nova etapa de diálogo cos grupos políticos e escoitar as súas posicións verbo do financiamento sanitario, tema central da próxima xuntanza de presidentes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia