Skip to main content

O leite materno é o mellor alimento para o bebé

O leite materno é o mellor alimento para o teu bebé. É suficiente para alimentalo durante os primeiros seis meses de vida. É beneficioso continuar co aleitamento, xunto coas comidas complementarias axeitadas, ata polo menos o ano de idade. Se se desexa pode continuarse ata o 2º ou 3º ano de idade. Estas e outras recomendacións están recollidas nos dous folletos que a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, vai distribuír, entre setembro e outubro, en centros de saúde, consultas de pediatría e obstetricia, e en todos os centros que teñan maternidade, nun número de 80.000 exemplares.

Os folletos son de dous tipos. Por unha banda os dirixidos ás mulleres que están embarazadas, coa fin de motivalas para que alimenten ao seu futuro fillo co leite materno e, por outro, os dirixidos á muller que xa tivo ao seu bebé, con recomendacións e técnicas para unha correcta lactación. Asemade, nos folletos están contemplados os problemas que se poden presentar á hora de dar o peito así como as correspondentes solucións.

RECOMENDACIÓNS ANTES DO PARTO

As recomendacións dirixidas á muller embarazada dan conta de que esta debe seguir unha dieta variada e equilibrada, rica en lácteos, froitas e verduras, peixe e cereais integrais. Así mesmo, deberá reducir o consumo de graxas e alimentos ou bebidas azucradas. Recoméndase á futura nai beber abundante auga, leite e zumes naturais, non fumar nin consumir café e alcohol, e practicar a diario algún tipo de actividade física –un dos exercicios máis beneficiosos, sinxelo e fácil de realizar é camiñar ao aire libre-. A publicación recórdalle, por unha banda, que non se medique pola súa conta e que, por tanto, deberá de preguntarlle ao seu médico se debe tomar algún suplemento (ácido fólico, iodo) para prepararse para unha boa maternidade e, pola outra, que acudir a clases prenatais de preparación ao parto, ou grupos de apoio á lactación, pode ser beneficioso para a embarazada.

VANTAXES DO LEITE MATERNO

O leite materno achégalle ao bebé todos os nutrientes e auga que necesita durante os seis primeiros meses de vida. É de fácil dixestión e absorción, polo que o cativo terá menos cólicos, diarreas ou estrinximento. Ademais, favorece o desenvolvemento físico, neurolóxico, psicoafectivo e a intelixencia, tantos nos bebés prematuros como nos nados a termo. Engadido a todo o anterior hai que sinalar que o leite materno diminúe o risco de síndrome de morte súbita do lactante, o protexe fronte ás infeccións dixestivas, respiratorias e urinarias e reduce o risco de padecer asma, alerxias, diabetes, obesidade ou sobrepeso na idade adulta. En definitiva, os bebés aleitados enferman menos que os alimentados con leite artificial.

Respecto da nai, a lactación materna diminúe o risco de hemorraxia anemia, hipertensión arterial e/ou depresión no posparto, favorece o apego e o establecemento dun forte vínculo afectivo, aumenta o nivel de autoestima e seguridade por ser unha experiencia emocional moi satisfactoria e mellora a autonomía por ser a opción máis cómoda ao non precisar manipulacións nin esterilización. Tamén axuda á nai a recuperar o peso previo ao embarazo e diminúe o risco de padecer cancro de mama e de ovario así como fracturas vertebrais e de cadeira na posmenopausa.

RECOMENDACIÓNS TRAS O PARTO

Os folletos de Sanidade recomendan tras o parto darlle o peito o máis pronto posible. O costro é suficiente ata a subida do leite ao segundo ou terceiro día. Hai que darlle o peito cada vez que o bebé o pida, de día e de noite, durante o tempo que precise. As primeiras semanas e bo que realice entre 8 e 12 tomas ao día. Despois unhas 6 a 8 tomas ao día é o habitual. Mellor non ofrecerlle o segundo peito antes de rematar co primeiro. O bebé aleitado non precisa ningún outro líquido –auga ou infusións-, abonda co leite da nai. Así mesmo, aconséllase non lle dar, sobre todo ao principio, chupetas nin biberóns, xa que poder interferir na lactación.

A publicación editada polo departamento que dirixe María José Rubio Vidal lembra que a ducha diaria é a única hixiene que precisa o peito. Non é necesario lavalo antes nin despois de que o bebé mame. A axuda e o apoio da parella e do contorno son fundamentais para o desenvolvemento da lactación.

A POSTURA

O éxito da lactación depende, segundo se recolle nos folletos da Dirección Xeral de Saúde Pública, de cómo se faga. Dar o peito require unha aprendizaxe mutua. É preciso compasar os ritmos da nai e do bebé, así como atopar unha postura cómoda para os dous.

O peito pódese dar sentada ou deitada. Tanto a nai coma o bebé deben estar cómodos. Se se está sentada estarase mellor apoiando a cabeza do cativo no antebrazo. É beneficioso alternar as posturas nas distintas tomas para non comprimir sempre a mesma zona do peito, asegurando así o baleirado. Colocarase o bebé en contacto co corpo da nai –barriga con barriga-. A cabeza e o corpo do cativo deben estar aliñados, mirando ao peito coa boca á altura da mamila.

Coa man en forma de “C” a nai agarrará o peito e rozará o labio superior do bebé ata que abra a boca e saque a lingua. Posteriormente achegará o bebé ao mesmo tempo que introduce o peito na boca do cativo en dirección á parte superior da cavidade bucal. Se o rapaz esta moi durmido non agarrará ben o peito, polo tanto debe estar esperto e con fame, e se chora demasiado haberá que tranquilizalo. No caso de cativos preguiceiros é conveniente espertalos cada 3 horas para darlles de mamar, xogando previamente con eles e apagando as luces intensas para que poidan abrir ben os ollos. Se o neno ten menos de dous meses, a publicación recomenda apoialo polas nádegas.

Son signos de bo agarre do peito a boca moi aberta cos beizos cara a fóra, coller a mamila e gran parte da aréola, verse menos aréola por baixo da boca que por riba e o queixo pegado ao peito.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia