Skip to main content

A Consellería de Medio Ambiente revisará o expediente de autorización ambiental integrada da Cementeira de Narón

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, comprometeuse a facer cumprir a “legalidade estrictamente” no proceso para a implantación dunha molturadora de clínker en Castro, no Concello de Narón. Así llo transmitiu aos representantes da Asociación de Veciños desta parroquia e do Grupo de Traballo contrario á instalación desta industria, nun encontro que tivo lugar na sede da consellería, en San Lázaro. Á reunión asistiu o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Lucas Buergo del Río, e a deputada ferrolá, Beatriz Sestayo, que foi quen xestionou esta entrevista dos afectados co titular de Medio Ambiente.


Os veciños, acompañados do avogado que leva o caso, pedíronlle a Manuel Vázquez que lle facilitase documentación sobre a tramitación do permiso medioambiental, contra o que teñen interposto un recurso de alzada. O director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental prometeu que lle ía facilitar o expediente administrativo da autorización ambiental, que xa solicitaran con anterioridade, pero que non lles fora facilitado por parte do anterior Goberno da Xunta de Galicia.

Os responsables de Medio Ambiente aseguraron, ao igual que xa lle manifestaran ao colectivo contrario a instalación dunha cementeira en Coirós, que a consellería revisará o expediente que conlevou a concesión da autorización ambiental integrada por parte do anterior executivo galego. Os afectados amosáronse “positivos e esperanzados” trala reunión co conselleiro e o director xeral, aos que lle expuxeron os argumentos polos que están en contra da implantación da molturadora de clínker na parroquia naronesa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia