Skip to main content

A Xunta atenderá con carácter urxente a mellora e modernización de infraestructuras xudiciais

O conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, reuniuse na Coruña co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Jesús Souto Prieto, con que analizou a situación da infraestructura xudicial de Galicia e as necesidades que teñen algunhas localidades nesta materia a curto prazo. O titular da Presidencia asegurou trala xuntanza –a primeira visita oficial que realiza- que algunhas cidades medraron moito nos últimos anos, o que acrecentou a demanda de novos xulgados. Neste sentido anunciou que a Xunta atenderá estas necesidades coa construcción de novos edificios. En concreto, apuntou que en cidades como A Coruña e Vigo é urxente habilitar xulgados e posteriormente construír unha instalación complementarias.

Segundo explicou o conselleiro, constitúese como un obxectivo prioritario para o Goberno galego dotar a tódolos xulgados, e de xeito prioritario naqueles lugares con máis demanda, “de instalacións necesarias coa dignidade e cos medios modernos que demanda a administración de xustiza”. Na súa opinión, o feito de que exista un poder xudicial “que traballe en condicións axeitadas, con tempos reducidos e que atenda á diversidade de problemas que hoxe plantexan os cidadáns cando acoden á xustiza é a garantía dunha sociedade moderna”.


Méndez Romeu destacou que se acometerán actuacións con carácter urxente para dotar aos concellos de xulgados “en condicións de comodidade e operatividade, axeitadas para facer o seu labor”, facendo un importante esforzo orzamentario e tendo en conta que existen evidencias de que a necesidade de novas unidades xudiciais seguirán medrando nos vindeiros anos. Respecto á ubicación e características dun novo edificio xudicial nas grandes cidades, o titular da Presidencia asegurou que antes de haber un pronunciamento definitivo haberá que “contactar cos concellos correspondentes, e recabar informes polo miúdo” para coñecer a estimación de investimento e “abordalo con urxencia”.

VISTAS PENAIS EN LUGO E OURENSE

Así mesmo, Méndez Romeu trasladoulle ao presidente do TSXG as demandas que se están recibindo pola reducción das vistas penais nalgunhas localidades de Lugo e Ourense. Neste sentido, o conselleiro subliñou que esta reducción non significa a suspensión total das vistas nestes concellos, senón que se manterán aquelas que sexan necesarias. Este será un dos asuntos que se abordarán a finais deste mes na comisión mixta na que participan o TSXG e a Xunta, na que “se dá canle aos distintos problemas e que constitúe o foro normal de relación entre os dous poderes que teñen a autonomía que lles garante a constitución”, segundo explicou.

Doutra banda, os titulares da Consellería da Presidencia e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia analizaron tamén no decurso da reunión algunhas das reformas que impulsa o Ministerio de Xustiza que poden ter a traducción en Galicia na reforma da oficina xudicial.
Gabinete de Comunicación da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia