Skip to main content

A secretaria xeral do Benestar inicia unha rolda de contactos coas consellerías para abordar os problemas das persoas con dependencia dun xeito transversal

A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, reuniuse con representantes da Asociación de Enfermidades Neuromusculares (ASEM) para coñecer de primeira man a situación e as principais demandas deste colectivo. Ao termo da reunión, Lago manifestou a súa intención de abrir “unha rolda de contactos coas consellerías para poder abordar as dependencias dun xeito transversal”.

O presidente de ASEM, Juan Luis Bouni, informou á responsable do Benestar da Xunta de Galicia sobre a situación das persoas que padecen enfermidades neuromusculares e propuxo varias liñas de colaboración coa Secretaría Xeral a fin de desenvolver programas orientados a mellorar as condicións deste colectivo, entre eles iniciativas de formación e de coordinación entre profesionais de distintas áreas, coma a sanitaria e a dos servizos sociais. Ademais de asumir estes retos, María Xesús Lago comprometeuse a iniciar un debate de cara a afondar nos contidos do Libro Branco da Dependencia.

ALAR Galicia

Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, mantivo unha xuntanza con Marijé Díaz, directora da Asociación ALAR Galicia, dedicada á formación socio-laboral de persoas con dificultades para acceder ao mercado de traballo. A responsable da ALAR informou a Adán sobre as iniciativas que vén desenvolvendo a Asociación e aproveitou para presentar un novo proxecto orientado ao colectivo xitano.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia