Skip to main content

O presidente da Xunta propón un pacto para abordar a reforma do financiamento sanitario

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, propuxo no Parlamento galego “un pacto” para abordar a reforma do de financiamento sanitario. O xefe do Executivo autonómico compareceu a petición propia ante o Pleno do Parlamento de Galicia para informar do desenvolvemento e do acordo acadado o pasado sábado na Conferencia de Presidentes.

Pérez Touriño valorou positivamente esta xuntanza e asegurou que nela chegaran a “un acordo satisfactorio” para a Comunidade galega que “permitirá abordar as deficiencias de financiamento sanitario dos pasados anos” e que “suporá unha garantía para os vindeiros anos”, cando se “discuta e aprobe o novo modelo de financiamento autonómico”. Segundo manifestou, a celebración desta segunda Conferencia de Presidentes é “extremadamente importante politicamente” e destacou que “se teña feito para resolver un problema que ocupa e preocupa aos cidadáns de Galicia e de España”. “Galicia –engadiu- sae da Conferencia de Presidentes cunha posición positiva porque melloramos a situación financeira e obtivemos máis recursos” para financiar a sanidade pública.

Así mesmo, informou que na Conferencia de Presidentes se acordara abrir a revisión do sistema de financiamento autonómico e trasladou á Cámara galega a “necesidade de abordar conxuntamente qué posición terá Galicia nun acordo de futuro que garanta o que aspiramos a mellorar o noso sistema sanitario de financiamento”. Neste sentido, comprometeu a súa disposición para “buscar o máximo acordo posible” no Parlamento galego verbo deste tema e ofreceu “o consenso e o esforzo polo pacto” aos distintos grupos.

Grupo de traballo derivado da conferencia de presidentes

Emilio Pérez Touriño advertiu aos grupos parlamentarios do “serio problema” de financiamento do sistema sanitario público” e chamounos a traballar nesta materia. Así mesmo, o presidente galego informou que se abrirá e se “constituirá de xeito inmediato un grupo de traballo derivado da Conferencia de Presidentes que vai entrar na revisión do sistema de financiamento autonómico.

Fondos adicionais

Un dos puntos máis salientados polo xefe do Executivo galego na súa comparecencia foi a consecución, por parte de Galicia, dun total de 213 millóns de euros para os orzamentos deste ano, “que doutro xeito non teríamos”. Segundo explicou, os vindeiros dous anos, os galegos contaremos cunha “inxección de tesourería” que se non existise a Conferencia de Presidentes non teríamos”.

“En total, estamos falando dunhas cifres de arredor de 213 e 220 millóns de euros para os vindeiros dous anos, salientou Touriño na súa intervención. Do mesmo xeito, apuntou que a estas cifras “haberá que engadir as cantidades resultantes dos fondos específicos para temas puntuais” entre os que mencionou os correspondentes aos capítulos do Plan de calidade e de igualdade do sistema nacional de saúde do Ministerio de Sanidade, do Fondo de Cohesión Sanitaria e dos convenios de asistencia a residentes estranxeiros e de accidentes laborais non cubertos polas Mutuas.

Paralelamente, destacou o feito de que as medidas adoptadas na Conferencia de Presidentes manteñan a “solidariedade que garante que non se abra o camiño da diverxencia” dentro das condicións de benestar no Estado español.

Control do gasto farmacéutico

Por outra banda, o titular da Xunta cualificou como “fundamental” o obxectivo de “racionalización dos gastos sanitarios” e chamou a atención sobre a necesidade de “controlar o gasto farmacéutico”. Así, -dixo- haberá “suficientes elementos para que se deriven importantes aforros na xestión da nosa Sanidade”.

Comparecencia a petición propia

Na introdución do seu discurso, o xefe do Executivo autonómico explicou que a súa comparecencia a petición propia ante os membros do Parlamento galego responde a vontade de cumprir co “compromiso” feito no seu Discurso de Investidura e, deste xeito, “contribuír a revitalización da Cámara galega”. Touriño fixo fincapé na posición do Goberno galego de “dialogar cos grupos” políticos “ante os grandes eventos de política nacional”.”Comparezo para dar cumprimento a ese compromiso” –sinalou- e agradeceu aos tres grupos “que teñan aportado lealmente as súas posicións”.

Xuntanza previa e pacto sobre posición


Así mesmo, o presidente da Xunta destacou o feito de que, previamente á xuntanza dos mandatarios autonómicos co presidente do Goberno o pasado sábado, o Goberno galego convocara ao resto dos grupos que integran o Parlamento galego para achegar propostas de cara a Conferencia de Presidentes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia