Skip to main content

Os prezos subiron en Galicia tres décimas menos que a media estatal no que vai de ano

Os prezos medraron en Galicia no que vai de ano un 1,6%, tres décimas menos do que o fixeron no Estado, onde esta cifra subiu ao 1,9%. Deste xeito, a comunidade galega amosa un mellor comportamento que a media estatal ao presentar unha suba máis moderada.

Das catro provincias galegas, a que mellor evolución presenta é a de Lugo, onde o acumulado de 2005 só medrou un 0,9%. Este dato sitúa a Lugo como a provincia española con menor incremento do IPC ao longo de 2005 e a única na que os prezos non superaron a barreira do 1%.

En canto aos outros territorios galegos, A Coruña presenta un acumulado anual do 1,4%, porcentaxe inferior ao 1,9% de Pontevedra e ao 2% de Ourense, a provincia con peor evolución en Galicia.

Con respecto ao índice mensual, o incremento situouse no 0,5%, unha décima superior ao estatal, que foi do 0,4%. Os máximos responsables da suba atópanse nos grupos de hoteis, cafés e restaurantes (0,6%), vivenda (0,7%) e o transporte (1,1%). Por contra, as maiores baixadas producíronse en vestido e calzado (-0,2%), enxoval (-0,1%) e comunicacións (-0,1%). Con todo, ata cinco grupos de control presentan mellor evolución que a media estatal.

No que vai de ano, os prezos medraron en Galicia un 1,5%, mentres que no conxunto do Estado este índice acada a cifra dun 1,9.

Respecto aos datos acumulados ao longo dos últimos doce meses, o IPC galego medra un 3,3&, cifra idéntica á da media nacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia