Skip to main content

O vicepresidente da Xunta anlizou con Aspanaes o inicio do curso escolar para os rapaces con problemas de autismo

O vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, mantivo no Parlamento de Galicia un encontro con representantes da Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista da provincia da Coruña (Aspanaes), para analizar con eles o inicio do curso nos centros docentes nos que están escolarizados nenos con este tipo de problemas. Aspanaes atende a un total de 130 rapaces con problemas de autismo nos seus distintos niveis, tanto en colexios coma en centros de día.

O presidente de Aspanaes, Antonio de la Iglesia; a directora xerente, María Teresa Tiemblo e o secretario da asociación, Ricardo Touceda, explicáronlle ao vicepresidente os principais problemas que ten a asociación, relativos á posta en marcha de acordos que teñen firmados coa Administración, as obras e construción de novos centros en distintas zonas de Galiza e a necesidade de ampliar as unidades dispoñibles no concerto do vindeiro ano coa Administración, algo que non conqueriron para este curso.

Respecto ao curso escolar que tamén comezaron os rapaces afectados por estes trastornos, o vicepresidente interesouse polos problemas e as necesidades de escolarización dos afectados polo autismo en Galicia. Os responsables de Aspanaes explicáronlle ao vicepresidente que o principal problema que teñen neste ámbito é de espazo, e puxéronlle coma exemplo o caso do centro docente que teñen na Coruña, onde dispoñen de 25 prazas para 28 nenos.

Quintana comprometeuse con Aspanaes a estudiar as súas demandas e tras o encontro os directivos da asociación valoraron as “ideas bastante asentadas e boas” que o vicepresidente da Xunta ten a este respecto. Segundo lle anunciou o vicepresidente, o seu departamento terá nesta materia un “papel máis activo” na cooperación coas asociacións, para traballar “da man”.

A prevalencia dos trastornos de espectro autista é de un caso por cada mil nenos, segundo Aspanaes, que inclúe nos seus servizos a atención temperá, valoración e seguimento dos menores que presenten rasgos autistas, logopedia, terapia da linguaxe, valoracións psicopedagóxicas e distintos obradoiros de traballo para os rapaces con este tipo de trastornos. Ademais, os seus centros permiten a educación dos rapaces e ofrecen todo tipo de servizos ás familias para axudalas no seu coidado.

O vicepresidente da Xunta de Galicia aproveitou ademais este encontro cos directivos de Aspanaes para confirmar a súa asistencia ao acto de inauguración do congreso que esta asociación celebrará en Santiago os días 4, 5 e 6 de novembro con motivo da celebración do seu 25 aniversario.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia