Skip to main content

O titular da Xunta destaca que a creación da nova planta de tratamento de subproductos cárnicos de Cerceda suporá a fin da transitoriedade nesta actividade

O titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidiu en Cerceda a inauguración da planta de xestión integral de subproductos cárnicos non destinados ao consumo humano promovida por Gestora de Subprodutos de Galicia (GESUGA), nun acto no que tamén participaron os conselleiros do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda.

O xefe do Executivo autonómico destacou que a creación desta planta suporá “a fin da transitoriedade” en materia de transformación e destrución de residuos cárnicos en Galicia que se abriu logo da aparición do “mal das vacas tolas” e que obrigou a habilitar as plantas de ARTABRA e SOGAMA “para dar saída á destrución dos residuos que a normativa impuña”.

Así mesmo, puxo de relevo que esta é “unha iniciativa que achega emprego e solucións e, polo tanto, merece o apoio do Goberno galego”. Asegurou que se está “traballando na dirección correcta, facendo posible que o desenvolvemento de Galicia sexa un desenvolvemento con vocación de futuro”.

O máximo mandatario galego amosou a súa confianza en que esta nova empresa “estea á vangarda europea” neste eido, con “capacidade para conxugar eficacia e eficiencia na súa produción”. “Galicia incorpórase ás comunidades que contan con empresas tecnoloxicamente punteiras” para abordar os procesos de tratamento de residuos, manifestou.

Así mesmo, salientou que esta nova planta contará coas “máis evolucionadas medidas correctoras existentes na actualidade para implantar este tipo de industrias” e que “cumpre os requisitos esixidos pola lexislación para reducir o impacto ambiental”.

Repercusión na economía local

A nova planta xerará máis de 40 postos de traballo directos e preto de 200 indirectos. Segundo Emilio Pérez Touriño, isto constitúe “unha inxección importante na economía do país e, concretamente, nesta zona”.

Pérez Touriño tivo palabras de recoñecemento para os promotores da iniciativa pola “óptima planificación” e expresou a súa “ledicia” por observar que os empresarios galegos “abordan proxectos audaces e necesarios para o desenvolvemento do país”. Do mesmo xeito, felicitou ao alcalde de Cerceda, José García Liñares, e á corporación municipal, que, segundo salientou, “souberon ver a importancia deste proxecto” e “atoparon unha ubicación axeitada” para a mesma.

Gesuga

Gesuga conta cunha planta de tratamento en Cerceda de 40.000 m2 e cunha flota de 42 camións equipados con grúa, báscula, sistema de comunicacións e localización. Asemade, establecerá unha planta intermedia en Ourense e outra en Vilamarín, co obxecto de organizar o transporte e a recollida de materiais para o seu posterior traslado á pranta de tratamento.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia