Skip to main content

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, insta aos promotores e constructores privados a implicarse máis directamente na construcción de vivenda protexida e estudia medidas fiscais que incentiven esa participación

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, fixo un chamamento ao sector privado, tanto promotores como empresas construtoras, para que se impliquen máis na creación de vivendas protexidas e facilitar así o acceso á primeira vivenda “en particular á xente nova e ás que teñen rendas máis baixas”.

Táboas fixo estas declaracións durante o acto de presentación do novo delegado provincial de Vivenda e Solo da Coruña, Xoan Carlos Bascuas, e xa adiantou que o seu departamento estudia medidas, esencialmente de carácter fiscal, para favorecer esa implicación do sector privado, que espera estean definidas antes de concluír o ano.

“Pido a colaboración do sector privado para que se implique na construción de vivenda protexida, e desde a Consellería estamos estudando medidas para incentivar esta participación, de carácter fiscal, que esperamos ter definidas en dous meses”, explicou Táboas en declaracións aos xornalistas.

Táboas subliñou que a creación de vivenda protexida “de calidade e respectuosa co territorio”, vai ser unha das prioridades do seu departamento, polo que tamén instou aos concellos a liberalizar solo para facilitar esta actuación.

Rehabilitación

A rehabilitación é outro dos elementos de traballo, en particular dos cascos vellos e centros históricos, na dobre vertente, explicou, de pór vivenda no mercado e revitalizar estas áreas, para que se volvan a vivir”, e como forma de conservar o patrimonio arquitectónico e a nosa memoria histórica”. “Hai que evitar que en certos cascos vellos teñamos vivendas en ruínas que finalmente acaban por perderse”.

Proxecto Universidade da Coruña

Teresa Táboas anunciou que a Consellería vai ofrecer un “apoio total” ao proxecto presentado pola Universidade da Coruña para a construción de vivendas para estudantes e docentes no campus de Elviña. “Pensamos que é un proxecto pioneiro onde podemos facer investigación e dar resposta a unha necesidade”, alegou.

A titular de Vivenda e Solo considera que se trata dun proxecto que pode servir como modelo a seguir. “Queremos facer unha proposta que sexa un exercicio exemplarizante de cómo debe facerse a intervención sobre o territorio e sobre unha paisaxe, e vai ter o apoio total da Consellería con esa dobre vertente, por un lado cubrir as necesidades de vivenda dos estudantes, pero tamén amosar como debe facerse a intervención no territorio, nese sentido ten a importancia de ser tamén un proxecto de investigación”, concluíu.




Gabinete de Comunicación da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia