Skip to main content

Medio Ambiente estuda cofinanciar unha póliza que cubra os danos ocasionados pola práctica da caza

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou a inmediata presentación dun proxecto de modificación da Lei de Caza en Galicia co fin de adecuala á normativa estatal e, principalmente, a nova Lei de Seguridade Vial. “Temos agora unha lei nacional contradictoria coa normativa galega de caza, o que produce unha inseguridade xurídica, sobre todo, nos danos producidos a vehículos, que ten moi preocupados aos máis de 70.000 cazadores que hai en Galicia”, manifestou Manuel Vázquez. Estas declaracións fíxoas ao remate dun encontro que mantivo en San Lázaro cos responsables do sector, con motivo do inicio da tempada de caza, que comeza o 12 de outubro. O conselleiro comprometeuse a ter en marcha para esa data as iniciativas que respondan as reivindicacións do colectivo.

Manuel Vázquez, acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza e os catro delegados provinciais de Medio Ambiente, abriu unha rolda de negociacións destinadas a mellorar tanto a práctica da caza como a preservación do medio natural. Á reunión, celebrada en Santiago, asistiron o presidente e o secretario da Federación Galega de Caza, os representantes das catro federacións provinciais, así como os dirixentes da Asociación de Propietarios Rurais e Productores de Caza (Aproca).

O conselleiro anunciou que se vai a tramitar no Parlamento a modificación inmediata da Lei de Caza de Galicia e que se presentará un borrador da nova normativa. Este documento elaborarase en colaboración cos axentes implicados e, para tal fin, constituíse no día de hoxe unha comisión mixta de seguimento.

“Sentamos unhas bases de negociacións rápidas, con garantías, para tratar antes do inicio da tempada estean en marcha as súas reivindicacións”, asegurou o titular de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en referencias ás peticións formuladas polos representantes dos cazadores.

Asemade, o sector cinexético foi informado de que durante esta lexislatura se vai explorar a posibilidade de que Medio Ambiente, en colaboración cos representantes dos cazadores, financie unha prima única de seguro para os 447 territorios de caza de Galicia (Tecores). Esta garantiría a cobertura dos gastos derivados dos danos ocasionados pola práctica cinexética en automóbiles e cultivos. Cabe recordar que a nova normativa de Tráfico e Seguridade Vial introduce cambios respecto aos seguros de automóbiles en caso de accidentes provocados por xabarís, corzos, etc., que antes non contemplaba, permitindo abaratar os custos dos seguros dos cotos de caza.

As reunións continuarán cos agricultores e sindicatos agrarios, e as asociacións ecoloxistas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia