Skip to main content

Emilio Pérez Touriño reuniuse co presidente de Endesa para analizar a continuidade dos proxectos enerxéticos en Galicia

O titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, reuniuse co presidente de Endesa, Manuel Pizarro, e co conselleiro delegado da compañía, Rafael Miranda, para analizar a continuidade dos proxectos enerxéticos na Comunidade galega.

Esta xuntanza enmárcase na liña de tomar a iniciativa política por parte do Goberno galego para defender os proxectos estratéxicos que impliquen investimentos na Comunidade Autónoma. Nesta xuntanza, celebrada no despacho do máximo mandatario galego en San Caetano, os directivos de Endesa garantizaron ao presidente da Xunta o seu compromiso cos proxectos, os prazos e investimentos comprometidos pola empresa en Galicia.

Manuel Pizarro declarou trala xuntanza que ”con Endesa está garantizada a continuidade” dos proxectos na Comunidade galega, que -segundo informou-, acadan unha cifra total de “1.400 millóns de euros”, contrapoñéndoo ao escenario aberto trala OPA lanzada por Gas Natural sobre Endesa.

1.400 millóns de euros

“Transmitímoslle ao presidente da Xunta a posición de Endesa en Galicia”, indicou Pizarro, cualificándoa de “moi importante” por ter comprometidos 1.400 millóns de euros como investimento. Así mesmo, salientou que contan con catro grupos de carbón, un ciclo combinado de 800 megavatios que se está empezando, e sinalou especialmente Reganosa e a ampliación do porto de Ferrol, onde xa se investiron 45 millóns de euros. O presidente de Endesa destacou tamén a “rexeneración das Pontes” como outro dos proxectos levados a cabo pola súa empresa en Galicia.

Pizarro asegurou que lle trasladaran a Emilio Pérez Touriño a preocupación da empresa polos traballadores da compañía en Galicia así como polos empregos indirectos. “Temos creado ao redor da planta das Pontes máis de 1.200 postos de traballo en empresas que non son a nosa”, manifestou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia