Skip to main content

Medio Ambiente estudia a creación dun plan de abastecemento conxunto para Brión e Ames

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible encargará ao organismo Augas de Galicia a elaboración dun estudio para acometer un plan conxunto de abastecemento nos concellos coruñeses de Ames e Brión. Así se acordou nunha reunión que mantivo en Sán Lázaro o conselleiro, Manuel Vázquez, co alcalde de Brión, José Luis García, na que estivo tamén presente o director xeral de Augas, José Luis Romero.


O rexedor fixo coñecedor ao titular de Medio Ambiente dos problemas de subministro que padece esta localidade, debido ao forte crecemento urbanístico que está a experimentar. Manuel Vázquez plantexoulle a posibilidade de acometer un plan conxunto para os concellos de Brión e Ames, dada a súa proximidade xeográfica e a súa situación urbanística similar. A nova rede de abastecemento cubriría as necesidades de abastecemento dos polígonos industriais de ambos concellos e das máis de 11.000 vivendas que están en construcción neste intre, segundo lle informou o alcalde.

Asemade, o conselleiro confirmoulle ao rexedor que adxudicarase a obra de conexión dos depósitos de Ames e Brión, que permitirá a este último concello dispor dunha enlace directo coa traída de Santiago. Augas de Galicia investirá preto de 200.000 euros nesta actuación.

Outro dos asuntos que se tratou foi a construcción dunha nova rede de saneamento para Brión. O proxecto, elaborado polo ente municipal, será presentado á consellería en quince días. Tanto o titular da consellería como o responsable de Augas de Galicia amosáronse favorables a acometer esta actuación en varias fases.

O rexedor de Brión aproveitou o encontro para presentarlle a Manuel Vázquez o programa de tratamento de residuos da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, entidade que o alcalde preside. Ambos mandatarios quedaron en celebrar unha reunión a próxima semana para estudiar unha posible colaboración da consellería con este sistema de xestión.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia