Skip to main content

Benestar impulsa o diálogo entre o Goberno, concello de Allariz e veciños para retomar o proxecto de construcción do centro de menores de Requeixo de Valverde

O Director Xeral de Acción Social da Secretaría Xeral de Benestar, Bieito Seara dixo, en comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento, que a execución do proxecto de construción do centro de menores de Requeixo de Valverde, en Allariz, vaise facer “co consenso do Goberno, os veciños e o concello”.

Segundo Bieito Seara, nos vinte días que leva no cargo, conseguiu chegar a un acordo para crear unha “comisión de carácter consultivo” sobre este proxecto, na que vai haber catro persoas en representación da Vicepresidencia, dúas no nome do concello e outras dúas pola asociación de veciños da parroquia de Valverde, onde se vai a situar o centro.

O proxecto levaba paralizado dous anos e medio por falta de acordo entre o concello de Allariz e a antiga Consellería de Familia. O prazo para rematar a obra estaba fixado para finais do 2006, aínda que, segundo manifestou Seara na comisión parlamentaria “ existe a posibilidade de facer unha prórroga, que está contemplada no propio proxecto”.

O Director Xeral de Acción Social anunciou que o proxecto do centro vaise “readaptar” para que ademais de ser casa de menores, centro social e centro de día, sexa tamén un centro de formación para os mozos da comarca, que incluiría unha liña de atención laboral.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia