Skip to main content

Touriño apela á responsabilidade dos grupos parlamentarios para que Galicia poida emprender a reforma do seu Estatuto

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apelou á responsabilidade dos tres grupos parlamentarios para que non “poñan trabas nin excusas” para que Galicia poida emprender a reforma do seu Estatuto. Así, na rolda de prensa posterior a xuntanza semanal do Consello da Xunta, Pérez Touriño lamentou a actitude “obstrucionista” e a “falta de vontade de diálogo” expresada onte polo Grupo parlamentario popular na primeira sesión de preguntas parlamentarias ao Presidente.

“Sería un grave erro para Galicia que a oposición entrase nunha deriva de falta de diálogo e de falta de vontade para comezar a dialogar”, indicou o presidente da Xunta, porque Galicia “é unha das tres autonomías españolas que aínda non puxeron en marcha a reforma estatutaria”. En contraposición ao que acontece noutras autonomías que xa teñen formado comisións de estudo para emprender esta reforma ou ponencias parlamentarias que se encargarán destes traballos, en Galicia non se iniciou ningún proceso neste sentido.

Isto débese, segundo resaltou Touriño, á falta de compromiso do Goberno anterior. “Se estamos na cola –sinalou o presidente da Xunta- é porque na pasada lexislatura o PP non quixo iniciar a ponencia parlamentaria”. Por este motivo, o presidente da Xunta apelou ao Grupo Parlamentario Popular, hoxe na oposición, a que non siga a impedir que “Galicia avance” e solicitou “responsabilidade e diálogo” por parte deste grupo para comezar a falar sobre o Estatuto e para que se poida establecer, antes de seis meses, unha ponencia parlamentaria que aborde o asunto.


Touriño lembrou que, en relación á reforma estatutaria, “toca mover peza en Galicia” e por iso, ningún dos grupos parlamentarios presentes na Cámara autonómica, pode “eludir” a súa responsabilidade neste sentido. A reforma estatutaria –lembrou Touriño- “está no ámbito exclusivo da responsabilidade política dos grupos parlamentarios da Comunidade Autónoma”.

Financiamento sanitario

Segundo destacou o presidente da Xunta, o Consello coñeceu en detalle o informe final do conselleiro de Economía e Facenda en relación ao acordo formal do Consello de Política Fiscal e Financeira sobre financiamento sanitario.

O Consello de Política Fiscal e Financeira vén de ratificar a proposta de financiamento ratificada na Conferencia de Presidentes, que beneficia enormemente a Galicia posto que se conseguiu manter o criterio de reparto que outorgaba unha relevancia especial ao factor do envellecemento poboacional en detrimento do criterio de reparto defendido polas comunidades gobernadas polo Partido Popular.

Touriño lamentou que as autonomías do PP defenderan con intensidade que o financiamento adicional para a sanidade fose repartido atendendo, basicamente, a criterios de “crecemento de poboación”.


De ter preponderancia o criterio de variación poboacional, tal e como recoñeceu o propio presidente da Xunta, Galicia sairía enormemente perxudicada en relación ás comunidades do mediterráneo que rexistraron un notable crecemento de poboación nos últimos anos.

Por iso, se amosou satisfeito porque Galicia conseguira incluír o factor de envellecemento poboacional e o fondo de solidariedade na Conferencia de Presidentes. O presidente da Xunta salientou que por esa cláusula de garantía Galicia recibe máis recursos que calquera outra Comunidade Autónoma en calquera dos fondos creados. “Galicia é unha das comunidades que saen máis favorecidas con este acordo”, puntualizou.

Por iso, Touriño instou a oposición a aclarar a súa postura xa que a tese defendida polas comunidades gobernadas polo Partido Popular ía claramente en contra dos intereses de Galicia.

Portos de Galicia

Por outra banda, o presidente da Xunta valorou o acordo tomado esta mañá polo Consello da Xunta de integrar baixo un único vértice administrativo a xestión dos Portos de Galicia como unha “aposta pola intermodalidade e polo transporte”. Trátase dun punto estratéxico para a futura xestión dos portos galegos, que a partir de agora dependerán exclusivamente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A propósito de infraestruturas, o titular da Xunta reiterou a vontade do Goberno autonómico de solicitar ao Goberno central toda a dotación orzamentaria e todo o esforzo técnico preciso para que se poidan cumprir os prazos establecidos que permitan o remate do Eixo Atlántico de alta velocidade en 2007 e a construción da Autovía do Cantábrico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia