Skip to main content

A Consellería de Traballo analizará a concesión dunha escola obradoiro a Muros co obxectivo de que estea funcionando antes de finais deste ano

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, visitou o concello de Muros onde foi recibido pola alcaldesa, Caridad González, e a corporación municipal.


Nese encontro o conselleiro interesouse polo expediente da escola obradoiro que o concello ten solicitada dende hai un ano. A alcaldesa de Muros trasladoulle ó conselleiro as necesidades da zona ó respecto e Ricardo Varela comprometeuse a avaliar a concesión no prazo de tempo máis breve posible, co obxectivo de ter unha resposta este mesmo mes e que así a escola poida estar funcionando a finais do presente ano.

O conselleiro quixo aproveitar a viaxe para visitar a Praza do Mercado e os soportais do casco histórico, xa que a intención é que sexan rehabilitados pola futura escola obradoiro. Ademais a alcaldesa tamén lle trasladou a necesidade de incluír a Casa Rectoral da parroquia de Torea como outro elemento a recuperar.

Atendendo ás necesidades da zona, a intención é que nesa escola obradoiro se inclúan cursos de albanelería, carpintería e cantería.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia