Skip to main content

Touriño expresa a vontade da Xunta de cumprir co traslado de Ence da ría de Pontevedra

“Quero reafirmar o compromiso da Xunta de cumprir co traslado de Ence, de liberar a ría de Pontevedra”. Así manifestou Touriño a vontade do novo Goberno autonómico en relación a un asunto que vén demandando o Concello de Pontevedra dende hai tempo. O presidente da Xunta realizou esta afirmación tras recibir no seu despacho de San Caetano ao alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández-Lores, con quen abordou durante máis dunha hora as principais inquedanzas e demandas de Pontevedra.

Touriño asegurou que o traslado de Ence da ría é unha demanda esixida pola cidadanía de Pontevedra e, por iso, avogou por desenvolver canto antes unha “política axeitada para acadar ese obxectivo”.

En concreto, o titular do Executivo galego amosouse favorable a estudar a revocación do decreto de supramunicipalidade, posto que considerou necesario que a empresa cumpra e respecte a normativa municipal.

O paso seguinte será o de por en marcha desde a Xunta unha mesa de concertación que permita comezar a traballar para o traslado da factoría. “Buscaremos alternativas, un espazo de traslado, de posible reubicación”, puntualizou Touriño.

Outros asuntos abordados


Ademais do futuro traslado de Ence, Pérez Touriño e Fernández Lores abordaron na súa xuntanza outros asuntos que afectan ás dúas administracións. O presidente da Xunta sinalou a “posición privilexiada” que ocupa Pontevedra dentro do “corazón do espazo máis dinámico do país”.

Neste sentido, manifestou o compromiso do Goberno galego de apoiar as demandas de Pontevedra en materia medioambiental, de ordenación, de equipamento ou de infraestruturas, entre outros asuntos, en aras a fomentar na cidade “oportunidades de calidade de vida e de emprego”. O presidente da Xunta amosou a vontade de “permanente diálogo, respecto, apoio e cooperación institucional” entre o seu Executivo e o Concello de Pontevedra para conseguir que a cidade do Lérez aproveite todas as súas potencialidades. “Traballaremos en positivo”, recalcou Touriño, quen matizou que “Galicia será o esforzo que poidamos facer entre todos”.

Pola súa banda, Fernández Lores valorou positivamente a actitude de diálogo amosada polo presidente da Xunta e, malia que se amosou consciente de que as demandas que plantexa non se resolverán en pouco tempo, si pensa que se cambiará o enfoque con que se estaban a abordar as súas demandas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia