Skip to main content

O programa Alerta corazón do 061 de Galicia conta con 2.428 inscritos

O Programa “Alerta Corazón”, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, conta, ata o 30 de xuño deste ano, con 2.428 inscritos. O obxectivo é reducir a mortalidade en pacientes que sufriron un infarto de miocardio ou unha anxina inestable. Neste senso, a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) recomenda chamar ó 061 co obxectivo de reducir os tempos de asistencia ante un infarto.

No primeiro semestre do ano 2005 o Programa Alerta Corazón recibiu 154 historiais de pacientes que pasaron a formar parte do mesmo. Destas 154 persoas, o 81,8%, é dicir 126, son homes e o resto, 28 (18,2%) mulleres. Por idades, dos 126 homes, cinco teñen entre 30 e 39 anos; doce entre 40 e 49; trinta e dous entre 50 e 59; trinta e seis entre 60 e 69 anos; trinta e catro entre 70 e 79 anos e sete teñen máis de 80 anos.


Respecto das vinte e oito mulleres, sete teñen entre 40 e 49 anos; tres entre 50 e 59; sete entre 60 e 69; sete entre 70 e 79 e catro máis de 80. Por patoloxías, o diagnóstico destes 154 pacientes é en 103 casos (66,9%) de infarto e en 51 (33,1%) angor (dor, opresión ou malestar torácica). No que atinxe á localización dos pacientes (medio rural ou urbano) o 51,3% (79 pacientes) pertencen ó medio urbano e o resto 75 (48,7%) pertencen ó medio rural.

Os hospitais de referencia destes 154 enfermos son o C.H. Universitario de Vigo en 49 casos, o C.H. Arquitecto Marcide de Ferrol en 30 casos, o C.H. Universitario Juan Canalejo da Coruña en 23, o Clínico de Santiago en 21, o C.H. Xeral Calde de Lugo en 21, o C.H. de Ourense en 3, o C.H. de Pontevedra en 5, etc. (Hospital de Valdeorras, da Costa en Burela, Verín, Salnés...).


Actividade do programa


Os servizos realizados polo 061, dentro do Programa Alerta Corazón, o primeiro semestre do ano 2005, foron a atención de 1.001 chamadas recibidas, das que 444 entraron como consulta médica, 520 como información breve, 26 como emerxencias directas e 11 outro tipo de demandas.

Do total das chamadas que entraron na Central de Coordinación do 061 como consulta médica, 444; 156 resolvéronse con información breve, 150 remataron como emerxencias, 96 como consulta médica, 31 foron derivacións a centros sanitarios de referencia e 11 transporte sanitario urxente. A mobilización de recursos dentro desta iniciativa do 061 galego, como consecuencia das chamadas recibidas, foi en 200 casos unha ambulancia asistencial, en 63 unha ambulancia medicalizada, en 46 casos mobilizouse un médico de atención primaria, e en 15 unha ambulancia convencional.

Detección automática

Esta iniciativa desenvolvida pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo adscrito á Consellería de Sanidade que dirixe María José Rubio Vidal, fíxose seguindo as recomendacións do Consello Europeo de Resucitacion, da Sociedade Europea de Cardioloxía, da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Críticos e Unidades Coronarias (SEMICYUC) e da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC).

Co fin de reducir o tempo de resposta dende que se produce a chamada ó 061 ata que a asistencia chega a auxiliar ó paciente, creouse un novo módulo na aplicación ACORDE (que é o software de xestión e seguimento de incidentes da central de coordinación 061), que permite detectar de forma automática se o enfermo que motiva a chamada está inscrito no Programa Alerta Corazón, a través do número de teléfono ou cos apelidos do mesmo. Así, encéndese na pantalla informática, de maneira fixa, o logotipo de Alerta Corazón, avisando ó médico especialista do 061 que se trata dun paciente con antecedentes de patoloxía grave ou con risco de morte súbita.

No momento en que se transfire a chamada ó médico coordinador, este xa ten acceso ós datos do último historial clínico, como por exemplo: o diagnóstico, o tratamento, antecedentes persoais ou electro, entre outros. Ademais, para aqueles casos en que se considere necesario avisar ó hospital de referencia do paciente, disponse do número de historia clínica no hospital, resultando a atención máis eficaz e personalizada.

Estes datos tranfírense telematicamente dende a Central de Coordinación á UVI móbil, que atenderá ó paciente se é necesario, ou ó persoal da ambulancia asistencial, dando o médico da Central as indicacións precisas ós Técnicos en Transporte Sanitario ata a chegada o hospital.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, reforza este programa mediante cursos de formación sanitaria en reanimación cardiopulmonar básica para as persoas que conviven con este tipo de pacientes, dada a importancia dunha actuación rápida e eficaz, mentres chega o equipo especializado do 061.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia