Skip to main content

O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Gabirta, representa a Galicia no cumio anual de NAFO

O director xeral de Estruturas e Mercados da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Manuel Cabirta, representa a Galicia no cumio anual de NAFO, que se celebra entre o 19 e o 23 de setembro, na localidade de Tallín (Estonia). Cabirta asiste a esta reunión despois da xuntanza que mantivo o pasado 7 de setembro na Consellería de Pesca con membros do Goberno central e con representantes do sector pesqueiro galego para consensuar a postura que as Administracións central e galega levan finalmente a Estonia.

Neste cumio da NAFO regularanse as posibilidades de pesca para a flota que faena en augas do Atlántico Noroeste durante 2006. Asemade, está previsto que se analicen os resultados do stock do fletán negro trala posta en marcha do Plan de Recuperación, no que o sector galego participou activamente cun proxecto que contempla tanto o desguace como a diversificación da pesca e dos caladoiros. Foi no ano 2003 cando a NAFO determinou un TAC (Total Admisible de Capturas) de fletán de 36.000 toneladas, ao tempo que aprobou un Plan de Recuperación que reducía en 2004 as posibilidades de pesca para a flota galega en cerca dun 60%, obedecendo aos informes científicos que alertaban do mal estado do stock. Para este ano o TAC fixouse en 19.000 toneladas.

Na convención deste ano en Tallín, as diferentes administracións pesqueiras decidirán tamén os topes de captura doutras pesqueirías de interese comercial para a flota galega, tales como a raia, a limanda, a locha branca, a gallineta, a brótola, a pota e o camarón.

A xestión da pesqueiría en augas do Atlántico Noroeste pertence a NAFO

A mediados do século XX, as nacións pesqueiras empezaron a darse conta de que os recursos do Atlántico Noroeste podían esgotarse nun prazo limitado de tempo. A preocupación e o espírito de cooperación entre países para conservar os stocks das distintas pesqueirías que se atopaban na zona levaron a establecer en 1950 unha organización internacional: A Comisión Internacional para a Pesca do Noroeste Atlántico (ICNAF), que xurdiu co obxectivo de protexer e conservar os recursos pesqueiros deste área. Despois de case trinta anos de actividade, ICNAF foi sustituida por unha nova convención. Deste xeito, en 1979, e seguindo a extensión da xurisdicción nacional de pesca polos estados costeiros a 200 millas náuticas, ICNAF foi reemplazada pola aínda vixente Organización de Pesca do Noroeste Atlántico (NAFO).

En NAFO están representados, ademais da Unión Europea, Canadá, Bulgaria, Islandia, Cuba, Xapón, Corea, Rusia, Ucraína e Estados Unidos, así como Francia por St Pierre e Miquelon e Dinamarca, por Groenlandia.

A participación da UE nas Organizacións Rexionais de Pesca


As Organizacións Rexionais de Pesca (ORPs) establécense a través de acordos internacionais e proporcionan aos representantes dos gobernos a posibilidade de reunirse co fin de acordar a maneira de xestionar, por unha banda, os recursos pesqueiros en alta mar de forma xeral e, por outra, as poboacións de peixes cuxos territorios se atopan entre dúas ou máis zonas. O obxectivo das ORPs é fomentar a cooperación para garantir a conservación e a explotación sostible dos recursos pesqueiros. Estas organizacións, como é o caso de NAFO, dan as súas recomendacións sobre medidas de xestión e de conservación baseadas nos ditames científicos dispoñibles. A día de hoxe, a Unión Europea é parte contratante de 11 Organizacións Rexionais de Pesca e en breve incorporarase a dúas máis.

As Organizacións Rexionais de Pesca constitúen tamén o marco idóneo para loitar contra a pesca ilegal, non declarada e non regulada.

A participación de España en NAFO

Dende o 31 de agosto de 1983 ata o 31 de decembro do ano 1986, España era parte contratante da Organización de Pesca do Noroeste Atlántico. A partires dese ano, cando España entrou a formar parte da Comunidade Económica Europea e meses despois de firmar a Acta de Adhesión, foi a UE quen comezou a representar os intereses da flota española no cumio anual de NAFO. Nos últimos tempos participa tamén nesta cita a Administración galega, aínda que esta é a primeira vez que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos acolle a reunión de preparación, na que se consensuou unha postura común entre o sector e as dúas Administracións para defender ante NAFO.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia