Skip to main content

O secretario xeral de Emigración visita Suíza para coñecer de preto as demandas do colectivo de galegos residentes no país

Manuel Luís Rodríguez, secretario xeral de Emigración, inicia unha viaxe de tres días a Suíza, onde ten previsto reunirse con membros da colectividade galega que residen neste país centroeuropeo. Trátase da primeira viaxe oficial que o novo responsable da área de emigración do Goberno autonómico realiza fóra de Galicia.

Suíza é o lugar do mundo no que residen máis emigrantes galegos de primeira xeración. En termos absolutos, a colonia galega en Suíza é a máis numerosa do planeta, despois da arxentina. No país helvético viven na actualidade preto de 34.000 galegos, repartidos en tres demarcacións consulares (Ginebra, Berna e Zürich), dos que preto da metade proceden da provincia da Coruña, algo máis de 8.000 son de Ourense, arredor de 7.000 proceden de Pontevedra e 3.000 de Lugo.

Atención ás demandas deste colectivo

O obxectivo desta viaxe é o de intensificar as relacións con este importante colectivo de galegos e ampliar máis o contacto e a atención que se lle viña prestando ata o de agora á colonia galega en Suíza.

Ante as inquedanzas de moitos galegos residentes en Suíza en relación ás prestacións sanitarias das que disporían unha vez retornen a Galicia, o secretario xeral de Emigración vai explicar aos residentes neste país cales son os dereitos dos que dispoñen, tras os últimos logros acadados neste eido polo Goberno Central.

Cinco cidades


A delegación da Secretaría Xeral de Emigración, encabezada por Manuel Luís Rodríguez, visitará en tres días cinco cidades helvéticas: Berna, Zürich, Lausana, Neuchatel e Ginebra.

A viaxe oficial comeza en Berna, onde o secretario xeral de Emigración reunirase coa colonia galega que reside na capital do país nun encontro que terá lugar na Casa de Italia. A continuación, Manuel Luís Rodríguez visitará as instalacións da Asociación Rosalía de Castro de Berna e do Centro Galego da cidade, dúas das entidades máis representativas da colectividade galega alí residente.

En Zürich, a delegación da Secretaría Xeral de Emigración manterá xuntanzas con membros da Asociación Cultural do Afiador; da Promoción da Cultura Galega de Zürich e da Asociación Val do Ouro.

O luns, 19 de setembro, Manuel Luís Rodríguez desprazarase a Neuchatel e a Lausana, no cantón de Vaud. Tras manter un almorzo con emigrantes galegos no Centro Galego de Le Locle, Manuel Luís Rodríguez visitará en Lausana as instalacións da Asociación Cultural Galega A Roda e da Asociación da Promoción da Cultura Galega.

Finalmente, a viaxe concluirá o martes 20 de setembro cunha xuntanza cos membros directivos e con integrantes da sociedade A Nosa Galiza de Ginebra e da Irmandade Galega en Suíza.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia