Skip to main content

Emilio Pérez Touriño e Jesús Caldera asinan o I Plan Integral de Emprego de Galicia, que permitirá mellorar a ocupación e avanzar na converxencia con España e con Europa

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, asinaron o I Plan Integral de Emprego de Galicia, unha iniciativa que, en palabras do titular do Goberno galego, “permitirá mellorar substancialmente a actividade e a ocupación, reducir diferenzas, acurtar distancias e avanzar na converxencia con España e con Europa”.

Segundo subliñou o presidente da Xunta o I Plan Integral de Emprego de Galicia permitirá poñer en marcha un conxunto de actuacións destinadas, preferentemente “a favorecer a inserción laboral, a formación e o itinerario de incorporación ao mercado de traballo de colectivos onde golpea o paro e o desemprego con especial dificultade: as mulleres e os mozos”. O obxectivo último é, segundo subliñou, “reducir diferenzas, acurtar distancias e colocarse no corazón de España e de Europa no que é un gran obxectivo nacional” e que un “ben escaso”, o traballo, pase a ser “un ben social” na nosa Comunidade.

No acto de sinatura do acordo, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, tamén participaron o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras.

Obxectivo prioritario do Goberno galego

Emilio Pérez Touriño salientou, ademais, que o I Plan Integral de Emprego de Galicia representa o “primeiro froito do cambio” na Comunidade, xa que existe unha nova forma de facer política baseada na “cooperación e o compromiso” entre o Goberno de España e o da Xunta de Galicia nunha materia, “tan vital e decisiva como a creación de emprego na nosa Comunidade Autónoma”, indicou.

O máximo mandatario autonómico, lembrou, neste sentido, que o obxectivo prioritario do Goberno que preside é a creación de emprego de calidade. Por iso, a primeira medida que tomou ao chegar á Presidencia da Xunta foi convocar aos axentes sociais e económicos “para abrir a senda do diálogo social”, unha tarefa na que continúa a traballar o conselleiro Ricardo Varela para conseguir “que Galicia coñeza un gran acordo nacional para mellorar a competitividade e o emprego da nosa economía”. “Onte mesmo –engadiu Pérez Touriño- anunciei a posta en marcha, desde a Presidencia do Goberno galego, dun grupo de traballo destinado a impulsar e a activar as medidas para reflexionar e poñer en valor o que ten que ver coas estratexias para mellorar a competitividade da nosa economía”.


Compromiso e colaboración


O presidente da Xunta tamén quixo agradecer o compromiso do Goberno central e, en particular, do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, coa posta en marcha deste I Plan Integral de Emprego de Galicia, que considera un “primeiro paso cara adiante, extraordinariamente relevante” por canto significa comprometer ao Estado nunha “acción especial, singular e adicional con Galicia, que faltaba”.

Emilio Pérez Touriño agradeceu o esforzo do Goberno de España e manifestou que “inauguramos unha fase que dará froitos” tamén en materia de emigración e en materia de servizos sociais. “A cooperación nun Estado autonómico –engadiu- consiste nisto”.

Recursos “importantes”

Pola súa banda, o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, sinalou que este plan “é especial” para a Comunidade galega, pero que se vén a sumar ás políticas activas de emprego que xa están en marcha no conxunto do Estado. Jesús Caldera lembrou que, Galicia ten catro puntos menos de poboación activa e dous puntos máis de paro que a media nacional por iso, considerou oportuno apoiar a creación de emprego na Comunidade coa posta en marcha deste Plan Integral.

Esta medida terá un período de execución de catro anos completos, ata o 2009, e contará con “cantidades importantes” de diñeiro que quedarán establecidas nos Orzamentos Xerais de Estado. A Xunta de Galicia tamén destinará unha partida orzamentaria a complementaria para levar a cabo esta iniciativa.

O ministro de Traballo e Asuntos Sociais considerou que a posta en marcha do I Plan Integral de Emprego suporá un paso importante de cara a modernidade da Comunidade galega e sinalou que pon de manifesto o compromiso “profundo” que ten o Goberno de España con Galicia. Neste sentido lembrou que o Goberno central se está a “volcar con Galicia en todas as materias: infraestruturas, política social e política de emprego”. No que a política social se refire, Jesús Caldera lembrou a subida das pensións mínimas, que vai beneficiar a 240.000 pensionistas galegos; a redución da idade de xubilación de mariscadores, percebeiros e pequenos armadores, polo cal se poderán xubilar antes e con mellores pensións; e o aumento das prestacións aos emigrantes no que se refire a pensións e en materia sanitaria. Así mesmo, o ministro de Traballo lembrou, neste sentido, que en vindeiras datas tamén se vai presentar o Estatuto de Españois no Mundo, que garantirá os dereitos dos emigrantes.

Melloras substanciais

O convenio asinado hoxe entre o titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o ministro de Traballo, Jesús Caldera posibilitará melloras substanciais, en termos de actividade e ocupación, nos mercados de traballo de Galicia, e permitirá ir reducindo as diferenzas en relación á media española.

A finalidade deste plan será, por unha banda, favorecer a xeración de emprego nos sectores económicos menos desenvolvidos con especial atención ás zonas cuxo desenvolvemento se atopa por debaixo da media da Comunidade Autónoma e ás que resulten afectadas por catástrofes naturais ou doutra índole.

Así mesmo, promoverase a inserción laboral dos desempregados, especialmente dos que posúen máis dificultades para acceder a un posto de traballo: mulleres, xente nova, parados de longa duración, persoas discapacitadas e colectivos de inmigrantes.

Medidas que se levarán a cabo

Para fomentar a creación de emprego, as medidas que se levarán a cabo centraranse no desenvolvemento local e no impulso de proxectos e empresas cualificadas como I+E. Potenciarase a orientación profesional para o emprego e a asistencia ao autoemprego e estreitarase a colaboración coas corporacións locais para a inserción de traballadores desempregados en obras e servizos de interese xeral e social.

Paralelamente, impulsaranse as accións promovidas polas escolas obradoiro, casas de oficio e obradoiros de emprego e atenderanse, de xeito especial, as necesidades formativas para os desempregados de zonas que teñen un desenvolvemento por baixo da media. Así mesmo, facilitarase o acceso das pequenas e medianas empresas á formación continua.

Financiamento

Segundo recolle o texto do convenio asinado hoxe, o Ministerio de Traballo financiará estas medidas de fomento do emprego entre 2006 e 2009. Para acometer as accións descritas no convenio, Goberno Central e Xunta renovarán anualmente a súa colaboración a través das addendas oportunas.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia complementará, con fondos propios, estas dotacións orzamentarias procedentes do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia