Skip to main content

O Igape promociona en Polonia as conservas, os viños e os produtos cárnicos de Galicia

O Igape promociona en Polonia as conservas de peixe e marisco, os viños e os produtos cárnicos de Galicia, no marco da feira de produtos agroalimentarios que organiza Carrefour nos seus establecementos de Varsovia; o evento conta co apoio da Embaixada e a oficina comercial española en Polonia. Nesta feira participan 8 empresas produtoras ou distribuidoras que aceptaron a invitación cursada pola multinacional aos seus provedores galegos en España.

De acordo co convenio asinado con Carrefour –que prevé organizar mostras semellantes noutros países-, o Igape apoia a mostra e degustación dos produtos e empresas galegas presentes nesta feira -que se desenvolverá en Varsovia entre os días 23 de setembro ao 2 de outubro- mediante diversas accións orientadas a ampliar entre os consumidores polacos os coñecementos sobre Galicia e a calidade das súas producións en xeral, e das que poderán atopar nesta feira, en concreto.

A presenza galega nesta mostra e degustación estará integrada por seis empresas de conservas de produtos pesqueiros, una distribuidora que achegará aos consumidores polacos viños das diferentes denominacións de orixe galegas, e un prestixioso grupo de transformación e distribución de produtos cárnicos.


Nesta mostra de produtos agroalimentarios participan tamén empresas de Andalucía, Valencia e Murcia, invitadas pola multinacional da distribución xunto coas galegas. Do mesmo xeito, Carrefour solicitou a colaboración das respectivas axencias de desenvolvemento rexional, entre elas a do Igape, que ten en Varsovia un Centro de Promoción de Negocios (CPN) destinado a promover Galicia como territorio axeitado para acoller investimentos e a favorecer, ao mesmo tempo, os contactos orientados á captación dos mesmos, así como a desenvolver as accións de apoio e asistencia a empresas galegas que apostan pola súa internacionalización.

A Feira de produtos agroalimentarios desenvolverase de xeito simultáneo en tres centros de Carrefour na capital polaca: nun deles, Reduta, será a inauguración conxunta; noutro, Targówek, haberá promoción e degustación de produtos galegos e andaluces, e no terceiro, Wilénska, amosaranse os produtos de Valencia e Murcia.

Na inauguración da feira, o 23 de setembro, está prevista a participación de representantes das administracións autonómicas de Galicia, Andalucía, Murcia e Valencia; tamén participarán directivos da CEG; con posterioridade, está prevista unha recepción na Embaixada de España en Polonia.

Ao remate da feira, Carrefour ocuparase de facer unha análise cualitativa por provedores e produtos, en base aos resultados obtidos a ás enquisas que van realizarse aos consumidores durante os días do certame.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia)