Skip to main content

O SLG mantivo hoxe un encontro no Ministerio de Economía sen acadar compromisos de solución por parte do goberno

Esther López e Alberte Veiga, do Sindicato Labrego Galego, mantiveron hoxe unha reunión no Ministerio de Economía e Facenda xunto a compañeiros da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) e representantes da Dirección Xeral de Tributos.
Un dos temas que se abordaron no encontro foi a busca de solucións aos desmesurados impostos que se lles están a aplicar a aqueles labregos e labregas que están a cobrar o cese anticipado cun adianto do 40% da cantidade a percibir.
Este tipo de modalidade de cobro do cese anticipado, á que se pode optar en troques da convencional fraccionada por meses, foi ideado pola Consellería de Política Agroalimentaria, e consiste en adiantar o 40% da cantidade que se vai a cobrar ata o momento da xubilación. No seu momento, o SLG puxo reparos a esta modalidade de cobro, pois podía repercutir negativamente á hora de pagar o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), xa que sería necesario declarar nun só ano ese 40% en troques de imputalo proporcionalmente cada ano ata o momento da xubilación do cesante.
O Sindicato Labrego Galego tentou buscar fórmulas para que o devandito non sucedese, e mantivo encontros cos responsábeis da delegación territorial de Facenda para deseñar métodos máis proporcionais no pago do IRPF. Dito método foi atopado, e na delegación territorial de Facenda comprometéronse a aplicalo ata fins de ano, previa autorización de Madrid, algo que non se produciu.
A Consellería tamén se comprometera a resolver esta cuestión. Nembargantes, agora que xa se tramitaron as declaracións da renda, o problema está sen resolver e hai labregos que se atopan con que teñen que pagar sumas de 3.000 e 4.000 euros, dependendo da cantidade que cobraron polo cese anticipado.
Dada a inoperancia e incompetencia da Consellería de Política Agroalimentaria, os representantes do Sindicato Labrego Galego reclamaron hoxe da Dirección Xeral de Tributos que solucionase esta cuestión. Nembargantes, os responsábeis deste órgano dependente do Ministerio de Economía e Facenda non quixeron chegar a ningún acordo e só se comprometeron a estudiar o tema.
Trátase dunha situación moi preocupante, pois agora que as declaracións da renda xa están feitas pode ser, en caso de non pórse en práctica unha solución, que os labregos e labregas afectados teñan que pagar, por riba, intereses de demora e sancións por atrasarse no pago.
OSindicato Labrego Galego está estudiando a posibilidade de iniciar mobilizacións en caso de que esta situación non se solucione, e responsabiliza da mesma á Consellería de Política Agroalimentaria e ao seu titular, Juan Miguel Diz Guedes, por ser incapaz de resolver un problema creado por el mesmo.
Sindicato Labrego Galego