Skip to main content

Medio Ambiente investirá 39 millóns de euros na construcción da depuradora da Ría de Ferrol

A Consellería de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica do Norte e Augas de Galicia asinaron en Ferrol o convenio para construír a Estación de Augas Residuais (Edar) para a zona norte da ría.

Esta actuación requirirá un investimento de 39.000.000 euros, dos que o 85% serán financiados pola confederación mediante aportacións do Fondo de Cohesión da Unión Europea e o 15% restante, máis de 5 millóns, por Augas de Galicia, organismo autónomo adscrito á consellería. O titular deste departamento, Manuel Vázquez, resaltou a materialización deste importante acordo, cuxa actuación beneficiará a un área de poboación de máis de cen mil habitantes dos concellos de Ferrol, Narón e Neda. “Este é o derradeiro peldaño administrativo dun vello anceio dos ferrolterranos para conseguir mellorar o sistema de depuración e contribuír dun xeito decisivo ao saneamento da ría, que é un dos grandes obxectivos da consellería”, declarou Manuel Vázquez.

Durante a visita á cidade naval, os responsables de Medio Ambiente inspeccionaron os traballos que se están a facer en Cabo Prioriño, onde se ubicará a futura Edar e visitaron tamén as obras de construcción da estación de bombeo de A Malata, que dará servizo á planta de tratamento. A continuación, o conselleiro, Manuel Vázquez, e os presidentes da Confederación Hidrográfica, Jorge Marquínez, e Augas de Galicia, Jorge Antonio Santiso, asinaron, no Concello de Ferrol, o convenio para a financiación, execución e explotación das obras de mellora da depuración da ría. Neste acto estaban presentes o alcalde ferrolano, Juan Juncal, a Subdelegada do Goberno en A Coruña, Obdulia Taboadela, entre outras autoridades.

Antecedentes

A orixe do convenio que se asinou hoxe remóntase ao ano 1997, no que as obras de mellora da depuración de Ferrol foron declaradas de Interese Xeral do Estado. Unha actuación que dous anos máis tarde quedou recollida no protocolo de colaboración suscrito polo Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Norte e en 2001 no Plan Hidrológico Nacional.

No obstante, non foi ata hai dous anos, en 2003, cando se asinou o primeiro convenio específico, o das obras de cruce e impulsión de A Malata.

Nestes intres estase elaborando o anteproxecto da Edar de Cabo Prioriño, co obxecto de iniciar a obra canto antes. A estación depuradora, que terá capacidade para o tratamento biolóxico de alta carga e caudal medio de deseño de 99.360 metros cúbicos/día, deberá estar rematada antes do 31 de decembro de 2008.

A Confederación Hidrográfica licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra ata a súa terminación definitiva, data na que a planta será entregada á Xunta de Galicia para o seu uso público.

Co obxecto de acadar unha óptima materialización do convenio suscrito hoxe constituirase unha comisión de seguimento do mesmo. Este organismo estará formado por dous representantes da Administración General do Estado, un nomeado pola Delegación do Goberno en Galicia e outro pola Confederación, así como dous membros designados por Augas de Galicia. Esta comisión resolverá as dúbidas que presente a interpretación deste acordo e informará de posibles modificacións na execución do proxecto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia