Skip to main content

Manuel Luís Rodríguez aposta por potenciar os valores de Galicia en Suíza, a través dos emigrantes de segunda xeración

O secretario xeral de Emigración finalizou en Ginebra a súa primeira viaxe fóra de Galicia, desde que tomou posesión do seu cargo. Durante un encontro mantido con membros da Irmandade Galega na Suíza, Manuel Luís Rodríguez sinalou que a Xunta aproveitará todo o capital humano que representan os galegos de segunda xeración residentes en Suíza co fin de intensificar os vínculos económicos, educativos, culturais e afectivos entre Galicia e o país helvético.

Manuel Luís Rodríguez constatou que os fillos dos galegos que emigraron a Suíza, ao longo das décadas dos sesenta e dos setenta, están perfectamente integrados na sociedade helvética, polo que constitúen a “mellor das pontes” para dar a coñecer neste país os valores de Galicia.

En Ginebra, o responsable de emigración do Goberno autonómico galego reiterou que a Xunta porá en marcha unha oficina de representación en Suíza, que facilite aos galegos emigrados e aos seus descendentes toda a información precisa sobre as prestacións sanitarias que poden recibir en caso de regresaren a Galicia; os mecanismos necesarios para convalidar os seus estdudos; ou as posibilidades de inserción laboral na Comunidade Autónoma, entre outros asuntos.

Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda dos galegos residentes en Suíza e, contribúe, ao mesmo tempo, a crear novas sinerxías entre Galicia e este país centroeuropeo, no que residen preto de 34.000 galegos.

Gran receptividade

A delegación da Secretaría Xeral de Emigración visitou os centros máis representativos da colectividade galega residente en Suíza. Algúns destes centros e asociación non foran nunca antes visitadas por ningún membro do Goberno galego.

En Ginebra, onde finalizou a súa viaxe, Manuel Luís Rodríguez agradeceu aos responsables destes centros a receptividade amosada e sinalou a intención da Xunta de contribuír a potenciar todo o abano de actividades de índole cultural e educativa que promoven estas entidades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia