Skip to main content

A Consellaría de Medio Rural impulsará a utilización do galego nos produtos con denominación de orixe

O Presidente e a Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón e María Xosé Jamardo, reuníronse co Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Este encontro forma parte dos que está a manter a organización en defensa do galego
cos responsábeis do novo Goberno. Os dirixentes da Mesa subliñan a “receptividade” e “preocupación activa” que o Conselleiro demostrou cara á situación da lingua galega.

Alfredo Suárez Canal acordou coa Mesa impulsar a utilización do galego, tanto en etiquetaxe como en publicidade, dos produtos con denominación de orixe. A Mesa recorda que os nomes que designan a varias destas denominacións foron motivo de polémica no seu momento por defender o Goberno daquela que varias delas non estivesen en galego.

Ademais, o Conselleiro impedirá que se exclúa o noso idioma das publicacións do seu Departamento, tal e como aconteceu en anteriores lexislaturas, e que motivara varias queixas da Mesa pola Normalización Lingüística perante o Valedor do Pobo.

A organización cidadá e esta Consellaría estudarán outras liñas de colaboración, como a galeguización de cooperativas e as accións a
desenvolver para consolidar e pór en valor o uso da nosa lingua no ámbito rural. Segundo A Mesa, “aínda que o galego se mantén con máis forza en ámbitos non urbanos, tamén aí están moi estendidos os prexuízos cara ao idioma propio, que poden levar á ocultación do mesmo”. “A revitalización do rural debe ir acompañada de accións que afortalen o orgullo de termos unha lingua de noso”, aseveran.
A Mesa pola Normalización Lingüística + Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia