Skip to main content

A campaña do Centro de Transfusión de Galicia nas empresas galegas acadou 11.250 doazóns de sangue

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) conta, dende a súa creación, cunha campaña dirixida a facilitar a doazón de sangue ás empresas e organismos públicos que desexen colaborar nesta iniciativa solidaria. No pasado ano 2004 producíronse 11.250 doazóns de sangue nos 12 polígonos industriais e nas 157 empresas e organismos públicos aos que se achegaron as unidades móbiles do CTG, o que supón o 9% do total de doazóns do pasado ano en Galicia. Cabe salientar que 1.613 persoas incorporáronse por primeira vez, axudando a ampliar a base de doadores de sangue da nosa Comunidade Autónoma.


O traballo do Centro de Transfusión nesta campaña especial fixo que cada vez sexan máis as empresas que se teñen sumado a este proxecto que supón un incremento do 173% nas doazóns.

Traballo de todos

O Centro de Transfusión conta coa colaboración das empresas para realizar a campaña dentro da xornada laboral. Tamén é fundamental a axuda dos servizos médicos, Oficina de Persoal e Comité de Empresa para coordinar a doazón dos traballadores. O CTG consensúa con cada empresa as datas nas que se despraza a unidade móbil e normalmente acude unha ou dúas veces ao ano.

A campaña de doazón de sangue nas empresas pódese realizar nas unidades móbiles, ou na propia empresa, dentro dunha sala coas debidas condicións de amplitude e hixiene, mediante equipos portátiles. Con anterioridade a cada visita, o Centro de Transfusión avisa aos doadores, por carta ou por teléfono, do día no que se realizará a campaña de doazón de sangue na súa empresa, distribúe material informativo sobre a doazón de sangue e, ás veces, tamén impártense charlas informativas.

Cómpre destacar e agradecer a solidariedade amosada polas traballadoras e traballadores de todas a empresas e organismos públicos que participan cada ano nesta campaña, con especial atención a factoría viguesa de PSA Peugeot Citröen, que é a empresa de España de maior participación. Dende a primeira visita do Centro de Transfusión de Galicia a Citröen, en 1995, producíronse preto de 20.000 doazóns de sangue nesta empresa que é visitada polas unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia catro veces ao ano.

O CTG unifica os labores de promoción, recollida, procesamento e distribucións dos compoñentes sanguíneos, e dende a súa posta en marcha no ano 1993 produciuse un importante cambio na situación de hemoterapia e da hemodoazón. Galicia pasou de ser, en 1992, a última Comunidade Autónoma en taxa de doazón de sangue a ocupar o terceiro lugar a nivel estatal (46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano), o que motivou que, dende hai cinco anos, se atope dentro das cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde e, na actualidade, supere en sete puntos a media de doazón de sangue de España.

A Consellería de Sanidade ratifica o decidido compromiso das autoridades sanitarias galegas de continuar incrementando as facilidades para o acceso dos cidadáns á doazón de sangue para fomentar o asentamento dunha cultura solidaria e, deste xeito, garantir a cobertura hemoterápica dos centros sanitarios galegos que, cada día, precisan preto de 500 doazóns de sangue.

O Centro de Transfusión de Galicia dispón dun teléfono gratuíto de atención (900. 100.828), no que calquera empresa ou organismo público pode informarse desta campaña solidaria e incorporase a ela. Do mesmo xeito, calquera cidadán pode clarexar dúbidas ou consultar onde se atopan cada día as dez unidades móbiles de doazón de sangue.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia