Skip to main content

O secretario xeral de Emigración estudou co presidente do Consello da Cultura Galega liñas de colaboración futuras entre o seu departamento e esta institución

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reuniuse na sede do Consello da Cultura Galega co presidente desta institución, Alfonso Zulueta de Haz, co obxecto de coñecer os traballos que realiza o Arquivo da Emigración Galega e valorar liñas de colaboración futura co seu departamento.

Nesta xuntanza, Manuel Luís Rodríguez puido coñecer os detalles do proxecto de recuperación documental de material pertencente ás asociacións de emigrantes galegos en Arxentina, Uruguai e Cuba no que están a colaborar o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.

Trátase de incorporar aos fondos do Arquivo da Emigración, mediante a súa dixitalización ou microfilmación, a documentación de 115 sociedades diferentes radicadas nestes tres países entre a que se inclúen libros de actas, rexistros de socios, libros de contabilidade, correspondencia, fotografías, estatutos, regulamento interno ou memorias destas asociacións.

O secretario xeral de Emigración considerou este proxecto sumamente interesante e expresou a súa vontade de proseguir esta colaboración para que se poida seguir recuperando material documental dos centros galegos na diáspora e se poidan catalogar fondos pertencentes a máis centros e sociedades, tamén de Europa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia