Skip to main content

Tres proxectos con participación galega acadan os 450.000 euros do Fondo Raíces na 53 edición do Festival de San Sebastián

Tal e como estaba previsto o pasado 22 de setembro e no marco da 53 edición do Festival de San Sebastián, decidíronse os proxectos beneficiarios do primeiro Fondo Raíces, do que é membro o Consorcio Audiovisual de Galicia.

A reunión da Comisión Mixta, que se celebrou no Kursaal de Donostia dentro das actividades do Festival, estivo composta por Nacho Varela (Xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia) como presidente da mesma, Jorge Álvarez (Presidente en funcións do Instituto de Cine Arxentino) e Xavier Marcé (Director do Institut Catalá de Industries Culturals).

O primeiro Fondo Raíces, dotado con 450.000 euros pretende promover a produción de longametraxes cinematográficas de ficción ou documentais, realizadas en réxime de coprodución con empresas produtoras independentes de Galicia, Arxentina e Cataluña, co fin de que poidan desenvolver obras audiovisuais de calidade e se favoreza o intercambio de talento técnico e artístico entre os tres territorios.

Como resultado da deliberación e de acordo coas valoracións presentadas, decidiuse outorgar as axudas correspondentes aos proxectos:

- “Pérez, el ratoncito de los dientes”, presentado polas produtoras Filmax Animation de Galicia, Patagonik Film Group de Arxentina e Castelao Producciones S.A. de Catalunya.

- “Hijo e Tigre” de Filmanova, S.L. de Galicia, Rizoma Films de Arxentina e Notro Films de Catalunya.

- “Abrígate” de Continental Producciones S.A. de Galicia, SB Producciones S.A. de Arxentina e Oberón Cinematográfica de Catalunya.

Cada un dos proxectos elixidos recibirá 150.000 e deberán xustificar en tempo e forma os requisitos marcados na convocatoria previa establecida para este fin.

Así pois, Raíces entra nunha nova etapa, coa que se pretende consolidar o fondo incorporando novos territorios ao mesmo, establecer un calendario estable de promoción dos produtos que se leven a cabo nos tres territorios e elaborar estratexias conxuntas de presenza nos mercados e festivais máis importantes do mundo. Estase así mesmo traballando na creación do Premio Raíces na sección Cine en Construcción do próximo Festival de San Sebastián. Todo elo tratarase na próxima reunión a celebrar na segunda quincena de decembro no marco do Festival de Pinamar na Arxentina.

Nesta edición, a Comisión destacou a calidade dos proxectos seleccionados e a importante traxectoria das empresas solicitantes, así como dos equipos técnicos e artísticos que as conforman.


O fondo Raíces

O fondo Raíces creouse en xaneiro de 2005 e está enmarcado no programa Raíces que iniciou a súa andadura na Arxentina no ano 2003, cun orzamento de 450.000 euros, para potenciar as coproducións hispano-arxentinas. Na actualidade está formado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, o Instituto de Cine Arxentino e o Instituto Catalán das Industrias Culturais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia