Skip to main content

Fernando X. Blanco e Xosé López Orozco amosan a súa vontade de colaborar xuntos institucionalmente a prol de Lugo

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, expresaron a súa vontade de que ambas institucións colaborarán conxuntamente para contribuír ao desenvolvemento de Lugo. O titular de Innovación e Industria recibiu a López Orozco, quen amosou a súa “satisfacción” polo resultado da reunión e a “disposición” do conselleiro para estudar proxectos de importancia estratéxica para a cidade.

Neste sentido, Fernando Blanco cualificou de “necesidade obxectiva” a creación de solo industrial na capital lucense e tanto el como López Orozco sinalaron ao plan sectorial que se está a desenvolver como unha actuación importante neste ámbito. Segundo Blanco, o devandito plan vai permitir afianzar industrias, “que debe de ser o obxectivo do Concello, pero que tamén o é para a Consellería de Innovación e Industria”, dixo. “Necesitamos solo industrial e esta é unha prioridade das consellerías de Innovación e Vivenda, que xa están traballando conxuntamente nesta liña”, subliñou o conselleiro nacionalista. Para Blanco, isto, sumado á posible aportación que o Goberno Galego vai a facer en materia de I+D+I, “pode permitir que se radiquen empresas e que non se teñan que producir, como estaba sucedendo, procesos de deslocalización”.

Asemade, o conselleiro apuntou ao turismo como un sector a desenvolver non só en Lugo senón tamén no conxunto do País, onde xa representa o 12% do PIB e o 13% do emprego. “Estamos traballando para incrementar a nosa oferta turística e que esa oferta sexa máis atractiva”, asegurou Blanco, quen destacou que a mellora de nexos comúns como pode ser o Xacobeo tamén terán “reflexo non só na cidade de Lugo, senón tamén na Ribeira Sacra ou na Mariña Lucense”. Neste sentido, avanzou próximos acordos que permitan dar resposta ás necesidades de todos os concellos.

A consellería de Innovación e Industria analizará tamén algunhas outras cuestións plantexadas polo alcalde lucense, como a mellora dos servizos de telefonía fixa e móbil ou do alumeado público, nomeadamente no rural.

Unha comisión abordará o traslado de Ence

Por outra banda e en resposta ás preguntas dos xornalistas, o titular de Innovación reiterou que o futuro de Ence vai ser abordado nunha comisión integrada polas Consellerías de Industria e Medio Ambiente, unha comisión que valorará as alternativas á permanencia da empresa na ría de Pontevedra. Para Blanco, “non é o momento” de falar de posibles reubicacións e avanzou que proximamente abordará este tema co conselleiro de Medio Ambiente e co conselleiro delegado de Ence, precisamente para ver se hai “acordos e camiños comúns”. O conselleiro evitou pronunciarse “nin nun sentido nin noutro”, segundo dixo, “ata estudialo en profundidade”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia