Skip to main content

O presidente da Xunta destaca que Galicia aspira a ser a lanzadeira de América en Europa

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidiu a inauguración da VIII Conferencia Iberoamericana de Ministros de Agricultura, que arrancou en Santiago de Compostela e se desenvolve coa finalidade de abordar a trazabilidade e a seguridade agroalimentaria. O xefe do Executivo autonómico manifestou, no transcurso da súa intervención, que Galicia “por tradición e convicción” aspira a ser a “lanzadeira” de América en Europa.

O presidente do Goberno galego indicou que para acadar este fin é preciso “afondar nas relacións económicas e culturais, estimulando a cooperación bilateral” entre a Comunidade galega e os países iberoamericanos, así como “aquela que permiten os marcos de relación multilateral”. Con estas medidas contribuirase a xerar “intercambio económico, tecnolóxico e comercial”, e a potenciar e coidar “reciprocamente” os investimentos “dos nosos empresarios”.

O máximo mandatario galego agradeceu a elección de Galicia como sede desta VIII Conferencia e lembrou o sentimento de “fraternidade e de pertenza recíproca” entre os galegos e os cidadáns de Iberoamérica. “Este sentimento do que lles falo fai que estar hoxe aquí sexa para min, ademais dunha profunda honra, a manifestación obxectiva da miña vontade e a do Goberno que presido en afondar nunha relación que pode ser aínda máis estreita”, afimou.

O presidente da Xunta salientou que Latinoamérica busca en Europa “un instrumento de cooperación para o desenvolvemento” a través do sector agroalimentario, o que require “xerar medidas que abunden na confianza do consumidor e garantir un mercado nutrido de produtos sans, seguros e de calidade contrastada”.

Emilio Pérez Touriño fixo fincapé no “valor singular” que para Galicia ten a cooperación no sector agroalimentario, debido á tradición galega no sector agrario e tamén pola necesidade de “afondar no papel privilexiado que ten a agricultura para o crecemento económico xeral e o desenvolvemento sostible”, tal e como se puxo de manifesto hai uns días no Acordo de Beijing sobre o futuro da agricultura mundial e as zonas rurais.

Por último, subliñou que “o desenvolvemento dos sectores agrícolas é esencial para mitigar a pobreza, e o desenvolvemento supón dicir investimento, pero tamén confianza nos mercados, en particular dos sectores agroalimentarios”.

O discurso do presidente da Xunta pechou as intervencións da xornada inaugural, na que foi precedido polo Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o viceministro de Agricultura e Gandería de Costa Rica, Walter Ruiz Valvedere; e a Ministra de Agricultura e Pesca de España, Elena Espinosa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia