Skip to main content

O SLG pide valentía aos ministros de agricultura de Iberoamérica para que globalicen o dereito á alimentación

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, fixo pública a postura da organización sindical diante da VIII Conferencia Iberoamericana de Ministros de Agricultura, que se vai celebrar en Santiago de Compostela, en relación a temas fundamentais como o comercio internacional de productos agrarios ou a seguridade alimentaria.

Lidia Senra, que está invitada á cerimonia inaugural da Conferencia, propuxo aos ministros e ministras que se van reunir que non deixen á seguridade e á calidade alimentarias nun simple debate sobre o papel, como se acostuma a facer na Unión Europea, e que aborden o fondo da cuestión da alimentación con propostas valentes diante das políticas Organización Mundial do Comercio (OMC). Estas propostas deberían estar dirixidas a que se permita garantir para todas as persoas do planeta o dereito a alimentarse; e aos pobos do mundo, exercer o seu dereito á Soberanía Alimentaria.

Para cumprir esta fin, o SLG fixo públicas unha serie de directrices que comparte coas organizacións da Coordinadora Labrega Europea (CPE) e da Vía Campesina, que agrupan a millóns de labregos e labregas de toda a Terra e nas que está integrado o Sindicato Labrego.

1. Que en lugar de ir ás reunións da Organización Mundial do Comercio (OMC) buscar as migallas que lle deixen os países ricos (Estados Unidos e Unión Europea) para os seus agronegocios, saquen a agricultura e a alimentación fóra deste organismo.

2. Que fronte ás propostas da OMC de liberalizar os mercados agrícolas, aposten pola Soberanía Alimentaria, é dicir, polo dereito dos labregos e das labregas de cada país a producir para alimentárense eles e para alimentar ao seu pobo. Isto só é posíbel tomando as seguintes decisións:
• Poñer fin aos acordos da OMC que obrigan a importar de terceiros países un 5% do consumo interno de productos agrarios, tal e como acontece xa na Unión Europea.
• Priorizar as políticas agrícolas cara aos mercados internos.
• Establecer mecanismos de control da produción, prezos que cubran os custes e o traballo para os labregos e labregas, e gardar o dereito a protexerse nas aduanas das importacións.

3. Para garantir a seguridade alimentaria máis aló dos papeis –precisamente este é o tema que centra a Conferencia de Ministros- e apoiar decididamente aos modos de produción labregos tradicionais, o SLG propón:
• Apoio e establecemento de modos de producción agrícola e gandeira sustentábeis.
• Prohibición da introdución na agricultura e alimentación de organismos xeneticamente manipulados.
• Articular as medidas necesarias ao alcance dos gobernos para poñer fin a privatización da vida que pretenden as grandes transnacionais a través das patentes sobre os seres vivos.
• Poñer fin á carreira de privatización das sementes que se está dando en practicamente todo o mundo por diversas vías.
• Poñer fin á privatización das augas.

4. Poñer fin á expansión das grandes cadeas de distribución, apostando polo pequeno comercio e polos mercados locais e de proximidade.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)