Skip to main content

O SLG pídelle á Consellaría de Medio Rural que comece a ingresar as axudas para paliar a suba do gasóleo

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego, Lidia Senra, mantivo un encontro co Director Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca, para preguntarlle sobre o pago das axudas para paliar a suba do gasóleo en Galiza.

A raíz desta xuntanza, a Consellaría de Medio Rural deu orde ás entidades bancarias para que comezasen a realizar os ingresos das subvencións nas contas das persoas beneficiadas.

Antonio Oca tamén lle facilitou ao Sindicato Labrego as cifras correspondentes a Galiza respecto desta liña de axudas. Así, na nosa Comunidade tramitáronse 18.592 expedentes, que corresponden a un consumo de 55.799.964 litros de gasóleo, cun gasto de 28.375.346 euros. O montante global das axudas para Galiza ascendeu a 3.347.998 euros.

Aínda que o Sindicato Labrego Galego considera positivas estas axudas do Ministerio de Agricultura, non as ve como unha solución ao problema da alza no prezo dos carburantes, que deixou de ser conxuntural para facerse estrutural.

Actualmente, o gasóleo agrícola págase a un prezo medio de 66 céntimos por litro (110 pesetas), fronte aos 46 céntimos (76 pesetas) a que se pagaba o ano pasado, un valor xa de por si caro de máis. Dende 1999, o gasóleo agrícola aumentou o seu prezo nun 90%; dende xaneiro de 2005, o gasóleo encareceuse un 52%. Fronte a isto, os prezos dos produtos agrarios seguen estancados e os custes de produción incrementáronse nun 8% no último exercicio.

Por este motivo, o SLG segue esixindo ao Ministerio de Agricultura a creación dun gasóleo agrícola profesional que estea blindado fronte ás fluctuacións do mercado. Para iso, nun gasóleo agrícola profesional debería deixarse de aplicar o imposto de hidrocarburos, e taxar cun tipo reducido de IVE do 7%, xa que o actual do 16% é francamente excesivo.
Só actuando sobre estes impostos, que representan máis dun terzo do que os labregos e labregas pagan polo gasóleo, poderase falar dunha solución á grave crise que está sufrindo o sector pola escalada constante nos prezos dos carburantes. As axudas do Ministerio de Agricultura, aparte de ser unha medida conxuntural, pouco máis cobren que o 10% do gasto realizado en gasóleo, unha cifra moi lonxe de facer fronte á suba experimentada nos últimos meses polo combustíbel, e a anos luz de cubrir as perdas ocasionadas pola suba xeral de insumos coma pensos ou fertilizantes, e pola caída constante dos prezos agrarios.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)