Skip to main content

Quintana aposta pola cooperación intelixente co Estado para dar un impulso ambicioso ao autogoberno galego

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, explicou no pleno do Parlamento as liñas básicas do seu departamento de cara aos vindeiros anos. Nunha comparecencia ante a Cámara galega a petición propia, Quintana desgranou as políticas que levará a cabo dentro das tres grandes áreas que competen á Vicepresidencia: as relacións institucionais, as políticas de igualdade e as de benestar, ademais das que lle son propias como Vicepresidencia do Goberno.

O vicepresidente recalcou a súa aposta por un novo modelo de relación entre Galicia e o Estado, o “modelo da cooperación intelixente” baseado nos principios da “firmeza, diálogo e vontade”. Quintana destacou que o novo Goberno galego reactivou xa a Comisión Mixta de Transferencias e a Comisión Bilateral de Cooperación como marco para estas novas relacións co Estado cunha “nova axenda” sobre a mesa para o desenvolvemento do actual Estatuto de Galicia “con sentido de país e ambición de nación”.

O compromiso do vicepresidente neste eido é “pór enriba da mesa negociadora un novo paquete de transferencias a negociar que dea un novo impulso ao autogoberno galego”. En termos gráficos, Quintana sinalou que “imos mover os cativos marcos onde os anteriores gobernos mantiveron pechado o autogoberno de Galicia e abrir unha nova fronteira ambiciosa, intelixente e razoable para o autogoberno galego”.

Neste senso, o vicepresidente apostou por un modelo de cooperación que supoña “un desenvolvemento leal do marco competencial dende un criterio de máximos, a beneficio sempre do autogoberno da nosa nación”, cun novo marco fiscal “baseado na autonomía fiscal e financeira que garanta mais compromiso do Estado con Galicia”, tanto en políticas de reequilibrio e redución das diferenzas de renda coma en políticas de investimentos públicos.

Quintana asegurou que no actual Estatuto de Autonomía “hai espazo para avanzar no autogoberno e na construción nacional de Galicia”, na defensa dos intereses económicos, comerciais e culturais de Galicia no mundo, no desenvolvemento pleno no artigo 7 do Estatuto e dos mecanismos de representación de Galicia en Europa e en institucións internacionais estratéxicas, ademais da necesidade de máis autogoberno para “a defensa da nosa identidade co desenvolvemento pleno das competencias pendentes en materia de educación, cultura e investigación”, recollidas no actual Estatuto.

A seguridade marítima, a ordenación do litoral, a seguridade e o orde público, a administración e organización da Xustiza, o ámbito económico, o benestar social, o emprego, a inmigración, a educación a sanidade ou o desenvolvemento tecnolóxico foron outros dos espazos competenciais onde o vicepresidente sinalou a posibilidade de que, co actual Estatuto de Autonomía, Galicia conte con competencias plenas.

O vicepresidente recordou no Parlamento que tanto nesta materia coma na “prioridade nacional” que supón a posta en marcha do proceso de elaboración dun novo estatuto de nación para a Galicia do século XXI “algúns afrontan o reto de servir a Madrid ou servir a Galicia, e recoméndolles que escollan servir a Galicia”. Quintana explicou que “a nosa nación non pode esperar, porque todo o que poidamos avanzar e gañar agora na mellora e afondamento do noso autogoberno é traballo de todos e será tamén beneficio de todos”.


Igualdade e Benestar

No marco das liñas de actuación do seu departamento, o vicepresidente sinalou que outro dos seus grandes obxectivos básicos pasa por levar a cabo “unha revolución tranquila para a igualdade e o benestar que leve á nosa nación a acadar niveis de igualdade de oportunidades para todos os galegos e galegas”.

Neste senso, o vicepresidente apostou por “atender a débeda histórica dos servizos da sociedade do benestar para dotar duna maior calidade de vida aos mais indefensos e dependentes”, afondando no sistema público de benestar e nas potencialidades da iniciativa pública “para que ninguén sexa abandonado á súa sorte ou aos designios do Deus Mercado”. Por iso comprometeuse a “cambiar a Galicia do paternalismo e o favor pola Galicia do benestar e da igualdade”.

O vicepresidente recordou que o pacto de goberno subscrito entre BNG e PSdeG recolle xa coma eixo básico da actuación do Executivo galego “a consolidación dun sistema de benestar avanzado, baseado fundamentalmente en servizos públicos universais e de calidade que evite discriminacións persoais ou territoriais e que garanta a autonomía e dignidade das persoas”.

Por iso sinalou que é preciso acometer estas políticas “dende unha correcta planificación e optimización dos recursos”, superando o carácter “fragmentario, descontinuo e mesmo residual” que este tipo de actuacións tiñan ata agora no goberno galego. Quintana amosouse convencido de que “non se pode acadar a cohesión económica sen cohesión social” e apostou por “pisar o acelerador na ruta cara unha efectiva universalización dos servizos sociais, dende unha perspectiva de institucionalización dos mesmos”.

Neste senso, Quintana explicou que dende o seu departamento se levará a cabo unha “revolución tranquila” dos asuntos sociais que opera dende catro frontes: o aseguramento dos servizos, a súa provisión, o seu financiamento e o seu acceso. Para este aseguramento dos servizos sociais o vicepresidente anunciou a promulgación duna Lei Galega de Servizos Sociais e a aprobación con rango legal de Carteiras de Servizos que especifiquen as características, os destinatarios e as áreas de apoios en relación a estes servizos. Tamén anunciou a creación do Instituto Galego de Asuntos Sociais, chamado a converterse “no buque insignia da Galicia do benestar” e que xestionará os distintos plans de actuación social.


Para a provisión dos servizos sociais o vicepresidente sinalou que a Xunta establecerá unha rede pública de atención para a colaboración entre servizos públicos e privados acadando ademais o equilibrio territorial na distribución destes servizos, garantindo unha cooperación interadministrativa na súa prestación e que terá como prioridade a implantación de programas de atención no eido rural.

Para o desenvolvemento destas políticas o vicepresidente sinalou a necesidade dun “compromiso nacional” de carácter orzamentario que implique a todos os departamentos da Xunta, participado ademais por concellos e deputacións “na procura do principio de subsidiariedade”. O vicepresidente chamou ademais aos actores sociais e económicos a “aliarse co goberno” neste compromiso.

Mulleres

Quintana explicou na súa comparecencia as distintas formas de discriminación que aínda sofren as mulleres na actualidade e “as rixideces e os atrancos para o exercicio por parte das mulleres da plena cidadanía”. Segundo sinalou, estas políticas partirán da Vicepresidencia cunha reflexión que ten que ver coa pertinencia de “establecer un novo discurso onde non se fale xa da muller como colectivo lineal sen matices.

O vicepresidente destacou que o labor do goberno non se trata de accións de carácter meramente protector ou de discriminación positiva, porque segundo explicou “a verdadeira igualdade nace da igualdade nas condicións de acceso ás oportunidades”.


Falou tamén da necesaria “transversalidade” nestas actuacións, cunha liña de acción política orientada a favorecer de xeito efectivo a igualdade entre homes e mulleres a través da participación activa dos distintos departamentos do goberno galego, con vocación de integralidade. Quintana anunciou que estas dinámicas de colaboración institucional a todos os niveis se iniciarán co impulso dun “acordo galego pola igualdade” no seo do Parlamento.

Este tratamento da Igualdade dentro do novo goberno estará baseado en áreas estratéxicas, entre as que destacou a da violencia exercida contra as mulleres en todas as súas vertentes. O vicepresidente considerou esta violencia coma un “verdadeiro problema social, estrutural e multidimensional” contra o que explicou que “é preciso que tratemos de impulsar medidas efectivas que contribúan a frear estes procesos, con liñas de acción orientadas á protección e emancipación das mulleres que son vítimas da violencia de xénero e tamén de prevención do fenómeno a partir de contidos de sensibilización e educación en valores”.

Entre estas medidas “efectivas e inmediatas” o vicepresidente referiuse ao “salario da liberdade” que se inclúe e dota xa nos orzamentos galegos para 2006 xunto con outras accións concretas que se integrarán nunha Lei Integral contra a Violencia de Xénero “que afrontará o drama do terrorismo de xénero dende a nosa perspectiva de acción positiva, integral e transversal”.

Dentro desta problemática, o vicepresidente anunciou un “Acordo Interinstitucional Galego” no marco do cal traballarán conxuntamente as institucións implicadas en Galicia na atención ás vítimas da violencia doméstica e outras agresións. Este acordo pretende garantir ás mulleres que sofren violencia “unha asistencia integral e coordinada nas súas vertentes sanitaria, policial, xudicial e social” establecendo protocolos de actuación e medidas que sirvan de guía para os distintos procesos de atención.

Tamén en políticas de Igualdade, o vicepresidente falou duna “aposta decidida” pola incorporación da muller aos sectores profesionais nos que existe unha maior desigualdade”, promovendo accións para mudar a cultura laboral e facilitar o acceso das mulleres a postos de responsabilidade. Neste punto, Quintana fixo especial referencia ao actual goberno paritario, “o primeiro da historia da nosa nación”.

Outro grande obxectivo neste ámbito, segundo anunciou o vicepresidente, é a promulgación duna Lei Galega de Conciliación da Vida Familiar e Laboral, xunto con medidas específicas para a igualdade das mulleres no rural galego, todas elas integradas nun Plan Nacional de Políticas de Igualdade que será un “instrumento integral” con contidos e ferramentas referidos á transversalidade da acción pública e cooperación institucional, de participación sociopolítica das mulleres, de emprego e economía como elementos de emancipación, de conciliación da vida familiar e laboral, de educación en perspectiva coeducativa e da introdución da perspectiva de xénero nos distintos ámbitos sociais, políticos, económicos e culturais.

Infancia

En canto ás políticas destinadas á infancia, o vicepresidente sinalou que o seu departamento quere incorporar “o dinamismo, a cor, o deseño e a interactividade en contidos, formatos e medidas” como xeito de participar na realidade infantil e pensar a oferta de recursos e servizos claves para esta etapa. Destacou nestes termos a “educación nos valores”, unha prioridade e unha tarefa “pouco explorada en épocas anteriores”.

O obxectivo central da Vicepresidencia da Xunta neste senso é o da integración familiar e social coa prioridade da permanencia do menor no seu contorno propio. “Respectamos todas as formas de familia, somos conscientes da importancia de promover e defender os dereitos dos nenos e nenas, queremos desenvolver unha proposta de intervención global que prime a prevención e a detección temperá, aplicaremos medidas dende un enfoque universal, dirixidas a todos os menores”, sinalou Quintana. “Entendemos que os escenarios principais de socialización dos cativos son os ámbitos familiar e educativo, e por iso ocuparán un lugar central no desenvolvemento dos programas”, explicou o vicepresidente, que ademais apostou por “recoñecer o valor da diversión e o xogo como elementos centrais na vida dos rapaces”.

Neste senso, o vicepresidente definiu coma unha prioridade urxente do novo goberno “ampliar e mellorar a rede de recursos e infraestruturas existentes para a atención da poboación infantil e xuvenil” cunha política activa en materia de equipamentos e o incremento e perfeccionamento dos dispositivos de actuación dos servizos sociais na defensa dos dereitos dos nenos e nenas que non son respectados, padecen malos tratos, reciben un trato inadecuado ou presentan dificultade social.

En concreto, o vicepresidente falou duna “Rede Galega de Escolas Infantís” que integre e potencie “a moi feble oferta actual, insuficiente para cubrir a demanda de necesidades”. Fronte a esta situación Quintana avanzou que “a nosa proposta procurará o artellamento de fórmulas óptimas e viables, en colaboración coa administración local e entidades de iniciativa social, para estender a súa cobertura, diversificar os seus servizos e os doutros equipamentos e mellorar os niveis de calidade na súa prestación”. O vicepresidente explicou que Galicia ten actualmente unha poboación de 60.146 nenos e nenas de 0 a 3 anos, que precisan recursos amplos e especializados de atención. Para estes nenos a oferta actual de prazas en atención á primeira é de 19.102, cun déficit sinalado do 6,6 por cento.

Quintana falou tamén da intención do seu departamento de darlle entrada a un verdadeiro Sistema Nacional de Protección do Menor, que resulte do traballo conxunto das persoas, servizos e institucións de diferentes niveis, dende pais e familiares, á cidadanía en xeral e servizos de atención primaria ata os servizos especializados de atención infantil e o sistema xudicial.

O vicepresidente considerou tamén prioritario acadar unha maior axilidade e eficacia nos procesos de intervención con menores, polo que anunciou a elaboración dun Manual de Intervención en situacións de dificultade social como instrumento que permitirá un maior nivel de coordinación interinstitucional.

Xuventude

O vicepresidente situou tamén nun primeiro plano da acción do novo goberno as políticas destinadas aos mozos e mozas de Galicia, para as que perfilou dous retos de futuro que pasan por dar unha resposta estrutural aos problemas específicos que o mundo xove ten como colectivo en materias coma o emprego, a educación, a saúde, a vivenda ou o lecer e, por outro lado, impulsar a través da plena emancipación dos xoves “a innovación a todos os niveis da nosa nación”, tanto no ámbito económico, coma no social, cultural ou político. “Dende a Vicepresidencia entendemos que investir en xuventude é investir no presente e no futuro da nosa nación”, acrecentou Quintana.

“Os mozos e mozas de hoxe en día constitúen a xeneración mais preparada da historia”, sinalou o vicepresidente, e por iso “non incorporalos socialmente significa desaproveitar o seu capital formativo. Un derroche en termos económicos e unha vergonza en termos sociais”. Quintana sinalou que a súa Vicepresidencia pretende ser “o catalizador de políticas transversais que traten de minorar o custo que para a sociedade galega ten a non incorporación da xuventude” e comprometeu o seu traballo para a elaboración de instrumentos de planificación e programas para a emancipación e participación dos xoves”, fomentando especialmente a cooperación entre os distintos departamentos da Xunta en materia de vivenda, emprego e formación.

O vicepresidente sinalou na súa comparecencia un dato revelador, sobre o que asumiu “un compromiso persoal” explicando que no ano 2003 segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística 12.000 mozos e mozas de entre 16 e 34 anos “marcharon fora de Galicia cara outras zonas de España e do estranxeiro”, unha “fuxida en clave de potencialidade e en clave de nación á que temos que poñer freo de xeito contundente, xa”. Para iso, Quintana anunciou a aceleración do estudo e avaliación duna axuda destinada á xente moza que procure o seu primeiro emprego despois dun período de formación. Unha axuda que a Xunta pretende implantar xa esta lexislatura.

A participación social e o asociacionismo das persoas novas e a reforma do Consello Galego da Xuventude foron outras das medidas anunciadas neste eido polo vicepresidente, coa intención de “reforzar o ate de agora anémico tecido asociativo xuvenil galego co fin de vertebralo, dotalo de recursos propios”.

Quintana fixo especial fincapé no fenómeno da “desgaleguización” que Galicia está a vivir, especialmente a mocidade, cunha porcentaxe crecente de mozos e mozas que afirman que non saben ler nin escribir con corrección en galego, cun deficitario emprego da lingua no conxunto do sistema educativo, nos medios de comunicación e no ámbito da xustiza. O vicepresidente explicou que “tal e como nos lembra o informe do Consello de Europa, a Xunta é a autoridade competente para arbitrar as medidas necesarias para facer efectivo un dereito recoñecido na Lei de Normalización Lingüística, o de recibir o ensino no idioma materno, para o que nos propón establecer un sistema de educación pública opcional impartido integramente en galego”.

O vicepresidente amosou ademais unha especial preocupación por “un camiño que está desandado” e anunciou na súa comparecencia o impulso e deseño dun “Plan de Normalización Lingüística” en materia xuvenil que acade o respaldo unánime do Parlamento galego.

Maiores

No eido das políticas para os maiores, o vicepresidente da Xunta sinalou no Parlamento os principios reitores das políticas nesta materia, que deben estar presididas pola “dignidade, a autorrealización, a participación e a independencia” para ter unha concepción aberta que confirme a potencialidade do colectivo dos maiores no marco social. De todos os xeitos o vicepresidente lembrou que existen gradacións nas capacidades de autonomía das persoas maiores con necesidades de atención distintas e que precisan respostas específicas.

Entre as distintas liñas de actuación para este colectivo social, Quintana sinalou a necesidade de promover medidas orientadas á permanencia da persoa no seu entorno, para o que anunciou a elaboración dun Plan de Acción Nacional para as Persoas Maiores que será unha análise das necesidades e recursos actualmente existentes para optimizar as actuacións a levar a cabo.


O vicepresidente marcou a súa aposta pola extensión e mellora dos niveis de calidade dos servizos asistenciais como “eixo vertebrador dun novo compromiso por mellorar a calidade de vida dos maiores galegos e o seu entorno propio”, con fórmulas que permitan conciliar a sustentabilidade financeira do sistema cunha axeitada política en materia de prestacións “para romper coa evidente brecha diferencial que hoxe presenta Galicia en relación co noso entorno” e achegar á comunidade ás ratios de cobertura recomendadas hai tempo para o conxunto do Estado. O vicepresidente considerou “especialmente sangrantes” as coberturas dos servizos de axuda a domicilio e de centros residenciais para maiores, que en Galicia son de 1,91 usuarios por cada cen maiores de 65 anos mentres que o plan fala de 3,2. Quintana cualificou ademais de “especialmente desesperanzadora” unha comparativa de Galicia co resto das comunidades autónomas do Estado. “Somos unha das últimas comunidades na ratio de cobertura dos centros residenciais para persoas maiores, outro dos seus éxitos señor Fraga”, afirmou o vicepresidente. “Estamos peor agora do que estabamos se tomamos como referencia o nivel de cobertura de 1988, en que éramos os terceiros pola cola”.


O vicepresidente repasou as ratios que colocan a Galicia no furgón de cola dos servizos sociais para maiores, unha situación que “acada tintes dramáticos” segundo sinalou, pero ante a que “estamos decididos a impulsar mecanismos e servizos de atención que son tamén de apoio aos coidadores informais, pivotando a intervención nos servizos de axuda a domicilio e centros de día”. Neste senso Quintana anunciou un “decidido compromiso” do seu departamento coas familias coidadoras de maiores dependentes en Galicia. Para eles, o vicepresidente anunciou “servizos de apoio e respiro a esas persoas, na súa maioría mulleres novas, que ven limitadas as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral”.

Nesta liña Quintana anunciou o desenvolvemento dun Plan Nacional de Apoio Específico a este colectivo, planificando un programa de actuación que recolla as necesidades, características, graos e recursos precisos para dar respostas efectivas ao Alzheimer, unha enfermidade que afecta a uns 25.000 galegos e que, segundo sinalou, pola forza do seu impacto precisa duna abordase multidisciplinar.

A participación social dos maiores reubicando o seu papel dentro da sociedade, a colaboración e coordinación entre os distintos niveis administrativos, fortalecer a cobertura da asistencia domiciliaria, os centros de atención diurna e os centros residenciais foron algunhas das liñas avanzadas polo vicepresidente no Parlamento, cun horizonte marcado a medio de longo prazo para o “redimensionamento progresivo da extensión de prazas residenciais públicas”.

Quintana explicou que as listas de espera nestes centros son “un referente de primeira orde” xa que actualmente hai 3.248 persoas en espera para a adxudicación duna praza en residencia pública, das que 2.422 precisan duna praza asistida. O vicepresidente explicou que a Xunta participará da tendencia maioritariamente compartida de limitar paulatinamente as residencias a aqueles maiores con niveis severos de dependencia, convertendo preto de 500 prazas para válidos en asistidas nos centros propios, con fórmulas residenciais “mais lixeiras” coma as vivendas comunitarias ou pisos tutelados e primando os mecanismos de asistencia a domicilio, axudas técnicas, centros de día e melloras na accesibilidade de espazos, desprazamentos, entornos e produtos para os maiores.

Discapacidade

En canto á discapacidade, o vicepresidente apostou por Plans Integrais de Intervención que superen o ámbito de xestión de servizos asistenciais de carácter social para pasar a outros eidos, eliminando barreiras, promovendo a igualdade de oportunidades para todos e orientando a acción cara un colectivo que presenta especiais dificultades para a súa integración social.

Trátase, segundo Quintana, dun terreo no que “temos moito que facer”, superando o carácter de política fragmentaria e residual que a actuación do goberno galego tiña ata o de agora na materia e proxectando a elaboración e posta en marcha dun Plan de Acción Nacional para Persoas con Discapacidade, que unifique criterios e articule medidas desta política social, implicando a distintos departamentos da Administración autonómica.

Quintana sinalou que a mellor maneira de unificar estes esforzos e axilizar a xestión dos recursos e programas cando o plan se poña en marcha será a creación da Axencia Galega de Autonomía Persoal, que o vicepresidente anunciou que se creará proximamente. Para iso haberá un traballo previo de consenso, de deseño de programas específicos de servizos de recursos sociais de atención para as persoas con discapacidade, a reserva do 5 por cento dos postos de traballo no sector público a persoas discapacitadas para que ao final da lexislatura o 2 por cento destes postos de traballo estean ocupados por persoas con discapacidade, a elaboración dun programa galego de accesibilidade e outro programa específico para as persoas con Síndrome de Down.

Dependencia e inclusión social

Para falar das políticas da Vicepresidencia en materia de atención á dependencia, Anxo Quintana destacou a necesidade de “empezar pola cuestión do financiamento das actuacións” e considerou o debate no Parlamento do Estado da Lei Básica de Protección á Dependencia como “unha excelente oportunidade para falar dos distintos modelos de financiamento que se manexan neste importante paso cara a configuración dun sistema universal de atención ás persoas en situación de dependencia”.

Neste senso, o vicepresidente sinalou que o seu departamento “está a participar activamente” neste debate para clarificar competencias, dereitos e deberes de cada un dos axentes implicados na materia, e facendo un seguimento puntual dos avances para Galicia nesta importante cuestión. Quintana sinalou que “a nosa posición de partida é clara” apostando porque o novo sistema de financiamento incremente os recursos para atender as necesidades do colectivo con dependencia xestionados por Galicia.

Á espera de que se aprobe esta lei, o vicepresidente sinalou entre as primeiras responsabilidades do seu departamento “acadar un nivel óptimo de recursos que permita poñer en marcha os programas previstos de extensión e mellora dos niveis de calidade na prestación dos servizos sociais de atención ás persoas dependentes”. Con este obxectivo Quintana comprometeu o traballo intenso da Vicepresidencia por potenciar fórmulas de colaboración con outras administracións e coa iniciativa social para acadar “niveis razoables de eficacia e de éxito”, tanto nos seus resultados coma no seu seguimento.


O vicepresidente criticou as sucesivas modificacións da Lei do RISGA levadas a cabo polo anterior goberno, que “promoveron o control e o asistencialismo cara as persoas mais vulnerables”. Pola contra, explicou que a Vicepresidencia se fixa como obxectivo básico promover a inclusión social en Galicia, especialmente de colectivos e persoas mais vulnerables e con maiores dificultades de integración e tendo en conta as necesidades sociais emerxentes. Nomeadamente Quintana fixo alusión ao colectivo inmigrante en Galicia, unha “enerxía imparable” para a que se deben planificar medidas orientadas á súa integración social.

Dentro destas políticas relacionadas coa inclusión social, o vicepresidente expuxo no Parlamento a mellora dos recursos de vivenda, a adecuación da rede asistencial adaptándoa ás necesidades dos colectivos afectados, o fomento do emprego como vía principal de saída e prevención de situacións de exclusión, novos dispositivos de incorporación social coma o traballo de rúa e de domicilio, o fomento do acceso ás novas tecnoloxías para este colectivo, programas específicos para grupos especialmente vulnerables, unha atención especial á poboación inmigrante, a “desburocratización na xestión dos recursos”, a participación e a mobilización e a implicación dos medios de comunicación, as universidades e os centros de investigación neste eido.

O modelo debuxado polo vicepresidente combina, segundo explicou, prestacións económicas artellando “un verdadeiro sistema galego de prestacións sociais que integre as existentes e amplíe o nivel de cobertura” con políticas activas. Nesta liña Quintana anunciou que os orzamentos galegos para 2006 recollerán a creación e dotación dun “complemento autonómico para as pensións non contributivas” que cubra non só as necesidades básicas senón que poña en marcha un conxunto de medidas coherentes con itinerarios personalizados que axuden ás persoas a non entrar en procesos de exclusión.

Con este obxectivo o vicepresidente sinalou que o goberno galego conta cunha “folla de ruta” que comezará coa elaboración dun mapa de recursos e necesidades avaliando as principias demandas e recursos existentes e a súa distribución territorial. Con esta información, Quintana avanzou que “estaremos en disposición de establecer unha zonificación” para ordenar o escenario de intervención. O vicepresidente amosouse convencido de que neste proceso é necesario “baixar á rúa” e desenvolver un traballo continuado de mediación cos colectivos e persoas en risco de exclusión, un eido no que considerou ademais “fundamental” o papel dos servizos sociais de atención primaria no desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia