Skip to main content

A conselleira de Pesca anuncia no Parlamento a posta en marcha dunha Lei de Ordenación Básica do Sector

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presentou no Parlamento de Galicia as liñas básicas da política que abordará o seu departamento e que teñen que ver co “compromiso, a ilusión e a implicación”. Na súa primeira
comparecencia na Cámara galega, a petición propia, a conselleira sinalou como obxectivo principal do seu departamento “as persoas” xa que, explicou, “son o obxecto da nosa labor e deben de xogar un papel importante para desenvolver calquera política por parte dos gobernantes”. Neste senso, Gallego Calvar falou dos pilares que sustentarán a partires de agora a política pesqueira galega, como “o compromiso de poñer todos os medios humanos e técnicos necesarios para conquerir os obxectivos marcados” e a ilusión coa que hai que incentivar o capital humano do mundo do mar , porque “a xente debe ser consciente de que forma parte dun sector líder e dinamizador”.

Por outra banda, a responsable de Pesca apostou por unha política multidisciplinar caracterizada pola colaboración entre a Consellería, a Administración autonómica, os grupos parlamentarios, a Administración central e o sector.

Accións de Goberno

A conselleira denunciou a numerosa e variada normativa en materia marítimo-pesquerira que “dificulta a súa consulta e coñecemento polos profesionais e axentes do sector”. Por iso, entre as accións de Goberno que levará a cabo Pesca, destaca a de elaborar normas “que estén dirixidas ás persoas que lles transmitan a ilusión de que a súa actividade pode levarse a cabo mediante unha lexislación que dé resposta as súas demandas”. Esta lexislación, continuou, “debe ser sinxela, polo que cremos necesario a elaboración dunha disposición legal de referencia para todas as materias”. Neste intre, a conselleira anunciou a posta en marcha dun anteproxecto de lei de ordenación do sector pesqueiro de Galicia que regulará “as materias relacionadas coa conservación, a protección e a recuperación dos recursos pesqueiros e do medio ambiente en augas de Galicia, a pesca marítima profesional e de recreo, o marisqueo e a acuicultura.” Tamén se incluirán nesta norma os axentes do sector pesqueiro como as confrarías e as organizacións de produtores, a primeira venda, comercialización e transformación dos produtos pesqueiros, a investigación e formación marítimo-pesqueira e a función inspectora”.

Para a preparación deste anteproxecto pediu a “implicación e colaboración de todos os sectores afectados” e volveu a incidir no diálogo e o compromiso. A conselleira adiantou que a partir do mes de outubro do presente ano se crearán diversos grupos de traballo para levar adiante o anteproxecto de lei de ordenación pesqueira de Galicia que, unha vez elaborado, se someterá ao ditame do Consello Galego de Pesca con carácter previo a súa aprobación, prevista para finais de 2007.

Un novo marco socio-laboral

Por outra banda, Carmen Gallego fixo fincapé na súa intervención no Parlamento na necesidade de dotar aos mariñeiros de convenios colectivos “como xa teñen os demais sectores produtivos deste país”, xa que “son o mellor mecanismo de autoregulación das condicións de traballo, produtividade e paz laboral”. Así, anunciou que dende o departamento que dirixe “se arbitrarán reunións cos representantes dos traballadores e os armadores para definir uns obxectivos abarcables que permitan a incentivación desta negociación por parte da administración”.

No apartado de relacións laborais, a conselleira incidiu na importancia de adopción de medidas que garantan e favorezan a incorporación ao mercado laboral “dos nosos xóvenes e das nosas mulleres”. Gallego salientou especialmente o papel da muller no mundo do mar e apostou por conquerir un “equilibrio social, arbitrando os mecanismos que pemitan que elas tamén estén asociadas ao futuro do sector”.

No ámbito de seguridade marítima, a conselleira destacou a importancia de incidir na formación e a prevención “co desenvolvemento dun plan básico de riscos laborais no que se traslade que a mellor loita contra os accidentes marítimos é a observancia dunha serie de protocolos”. A Consellería de Pesca promoverá neste ámbito a relación de estudos integrais dos buques pesqueiros nos que se consideren outros aspectos, ademais da flotabilidade e a navegabilidade da embarcación. Asimesmo, Carmen Gallego comprometeuse a promover melloras nos equipamentos de salvamento nas embarcacións e a solicitar un incremento de persoal nas capitanías marítimas galegas “para levar a cabo un plan real e efectivo de inspección e control con un
claro fin de prevención”.

Frota artesanal e acuicultura

A responsable de Pesca e Asuntos Marítimos adiantou na Cámara galega que se pedirá ao Goberno central a aprobación dunha normativa que elimine a obriga de contar con 1,5 GT de arqueo para a construción de embarcacións de artes menores e de marisqueo. Asimesmo, trasladarase ao Goberno central “a necesidade imperiosa de abrir no novo Fondo Europeo da Pesca unha liña para financiar a renovación e modernización da frota pesqueira artesanal”.

No que se refire a acuicultura, Carmen Gallego apostou pola competitividadepara seguir liderando o sector. “Non podemos quedarnos estancados na produción de rodaballo ou mexillón, temos que buscar novas especies e mellorar as condicións das existentes”. A conselleira falou de criterios obxectivos “para facilitar a implantación de establecementos de acuicultura, con respeto total ao medio ambiente, conxugando o desenvolvemento sostible co dimensionamiento axeitado desta actividade”.

Comercialización

Na súa primeira comparecencia no Parlamento Galego, a responsable de Pesca apostou por mellorar os procesos de comercialización, con novas presentacións, etiquetados, embalaxes ou búsqueda de novos mercados. En definitiva, a conselleira salientou a necesidade de xerar valor engadido aos productos galegos do mar. “Trátase de facer máis rentable a actividade
pesqueira sen pescar máis”, dixo.

No transcurso da súa intervención, tamén fixo referencia ás estruturas organizativas e insistiu en que “nós non vamos manter actitudes paternalistas respecto ás organizacións do sector” e destacou que “para esta conselleira non existe unha organización máis importante que outra porque o importante son as persoas”. A responsable de Pesca do Goberno
galego ofreceu o seu apoio a todas as iniciativas que veñan do sector, “sen ter en conta o nome da organización”, coa obriga de que nos proxectos que presenten exista unha planificación e unha rendabilidade para o seu mantemento independente da Administración.

No eido da investigación, Gallego Calvar destacou o importante papel dos investigadores ao mesmo tempo que suliñou a súa intención de, sen renunciar á investigación básica, darlle un xiro ás accións investigadoras e volcarse coa investigación aplicada, de xeito que a toma de decisións sobre a xestión de recursos ou a implantación de novas técnicas de
explotación “esté sustentada polo coñecemento técnico-científico das mesmas”. Gallego mostrouse a favor dun tipo de investigación “que sexa un elemento útil para todos, para a administración, o sector e para toda a sociedade galega”.


Presencia galega no exterior


Por último, a conselleira de Pesca falou das relacións entre as institucións, “impulsando o diálogo con outras administracións” e coas comunidades autónomas marítimas para favorecer un clima de entendemento en asuntos comúns como a investigación, a formación ou os recursos. O primeiro resultado desta liña de actuación foi, tal e como anunciou, a sinatura do
Memorando de cebo vivo coas comunidades de País Vasco, Cantabria e Asturias. Nesta liña, explicou o interese da Consellería en establecer un novo marco de relacións coas institucións comunitarias.

Carmen Gallego destacou que “Galicia estará en todos os Consellos de Ministros de Pesca da UE nos que se traten cuestións de vital importancia para a nosa industria pesqueira e, como xa fixemos no derradeiro cumio de NAFO, a nosa intención é participar nas reunións das Organizacións Rexionais de Pesca”.

Carmen Gallego adiantou aos diputados que en breve mantería unha xuntanza cos mariñeiros que faenan nas augas que regula a Organización do Atlántico Noroeste para informarlles polo miúdo do último cumio de NAFO en Tallín, no que estivo presente o director xeral de Estruturas, Manuel Cabirta.


A responsable galega de Pesca fixo tamén referencia na súa comparecencia á
cooperación cos países terceiros e mostrouse a prol de fomentar este tipo de iniciativas “dende unha nova perspectiva que amplíe os posibles ámbitos de colaboración e as oportunidades de desenvolver proxectos conxuntos viables”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia