Skip to main content

O presidente da Xunta comprométese a acadar o máximo desenvolvemento competencial do actual Estatuto de Autonomía de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse ante o Parlamento galego a lograr o máximo desenvolvemento competencial que permite o actual Estatuto de Autonomía de Galicia, ao tempo que convidou ao PP a participar na ponencia parlamentaria que se porá en marcha para abordar a reforma do mesmo. Así mesmo, informou de que o Goberno galego e o Ministerio de Administracións Públicas acordaron reactivar a Comisión Mixta de Transferencias, “superando a paralización na que se atopaba por mor da política promovida polo anterior goberno da Xunta”. Emilio Pérez Touriño explicou que “en quince días” comezarán os traballos para reanudar este proceso.

En resposta a unha pregunta formulada polo portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Fraga sobre o estado da transferencia das competencias pendentes, o mandatario galego manifestou o seu compromiso e do seu Goberno “co máximo desenvolvemento competencial do actual Estatuto” dado que é obxectivo do Executivo “o afondamento no autogoberno de Galicia”.

Neste senso, contrapuxo a vontade política do actual Executivo coa do anterior, pois segundo indicou o presidente, dentro de dúas semanas terá lugar un contacto preparatorio entre responsables de ambas administracións “para establecer unha metodoloxía concreta de traballo e aproximar un calendario de xuntanzas da devandita Comisión”.

Sen embargo, o Informe sobre desenvolvemento institucional do Estado das Autonomías e do ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais en maio de 2004 e redactado polo Goberno autonómico presidido polo propio Fraga Iribarne, recolle textualmente que “as materias sobre as que xa se realizaron negociacións entre ambas administracións no pasado e que están pendentes dun acordo final” son soamente tres: “o traspaso da formación continua; do Instituto Social da Mariña no que se refire a aspectos de emprego e formación; e da metroloxía”, precisou Touriño.

O máximo mandatario galego aclarou que “o groso das materias ás que alude o portavoz so Grupo Popular na súa pregunta formarían parte dun segundo bloque” deste informe, no que se refiren, e citou tamén textualmente, “as materias sobre as que aínda non se abriron negociacións”. Emilio Pérez Touriño cualificou, polo tanto, de “paradóxico” que o Grupo Parlamentario Popular fale na súa pregunta “de 33 transferencias pendentes solicitadas pola anterior Xunta, cando só se estaba negociando en tres”.

Non obstante, o presidente da Xunta de Galicia puntualizou que para o novo Goberno galego a situación competencial “non é unha cuestión que poida reducirse a unha mera estatística”. Argumentou que non se debe avaliar en función do número de transferencias, senón principalmente no “eido cualitativo”. “Por iso a acción deste Executivo ten por obxectivo o afondamento no autogoberno de Galicia, loitando de verdade por un novo Estatuto que nos dote dun marco competencial coherente e garantido, e do máximo nivel posible de desenvolvemento do autogoberno”, defendeu Touriño, quen desbotou o “tremendismo” do PP respecto das relacións entre os gobernos central e autonómico.

Neste senso, o presidente da Xunta lembrou que as relacións son boas e, como mostra disto, lembrou que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2006 o Executivo central consignou partidas por 1.531 millóns de euros, o que supón que Galicia sexa a comunidade na que máis medran os investimentos. “Cando co anterior goberno Galicia estaba no 93% da media per cápita, agora está no 120,9%”, remarcou.

Por último, o presidente da Xunta instou a Fraga Iribarne a mostrar “por unha vez” un compromiso inequívoco de diálogo “sen imposicións” para participar na ponencia parlamentaria que abordará a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia “dentro do marco da Constitución”. Emilio Pérez Touriño emprazou ao portavoz do PP a manifestar ese compromiso dado que na pasada lexislatura impediu a posta en marcha desa ponencia. Por iso, convidouno “a que se sume a este salto cualitativo que Galicia ten que dar”.

Política lingüística

O presidente da Xunta de Galicia anunciou en resposta a unha pregunta do portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, que se iniciarán os labores de posta en marcha e execución do Plan xeral de normalización lingüística “de forma urxente” e respectando con fidelidade os termos que lle dan título a dito texto.

Así pois, Emilio Pérez Touriño explicou que o Goberno galego “levará a cabo no futuro unha política lingüística coidadosamente planificada”, para o que, en primeiro lugar, presentará no Parlamento de Galicia unha proposta de traballo para o ano 2006 “acompañada do correspondente informe orzamentario”.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que a política lingüística “terá carácter xeral”, de aí a decisión de que o organismo responsable desta área dependa agora directamente do Presidente, e non dunha consellería. Así pois, anunciou que a programación de 2006, así como as sucesivas, incluirá medidas “que incidirán en todos os ámbitos sociais sen excepción”.

O máximo mandatario galego amosou a súa convicción que nesta etapa se pode dar un “salto cualitativo”, aproveitando “a fortaleza potencial da lingua, o clima de concordia lingüística que se empeza a vivir en instancias españolas e europeas, e as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías”.

Emilio Pérez Touriño explicou que o Goberno galego impulsará un conxunto de medidas destinadas a que a lingua galega sexa a de contacto inicial entre a administración e o cidadán. “O Goberno comprometerase activamente na aplicación das medidas de galeguización no ensino recollidas no devandito Plan”, destacou. Tamén salientou a súa vontade de acadar un “pacto pola fala” e a impulsar o idioma autóctono no eido das novas tecnoloxías, todo coa finalidade de que o galego “adquira o estatus que lle corresponde”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia