Skip to main content

A dotación do Plan Integral de Emprego de Galicia ascende a 164 millóns de euros para o período 2006-2009

A Xunta de Galicia e o Goberno Central cofinanciarán o Plan Integral de Emprego de Galicia, cunha inversión total que ascende a 164 millóns de euros. A contía total corresponde ao período 2006-2009, xa que se trata dun plan cuadrienal. De tal xeito, ambas institucións repártense a partes iguais a inversión total aportando cada unha delas 20 millóns e medio de euros por ano. A inversión do Goberno Central para o vindeiro ano recóllese nos Presupostos Xerais do Estado. No documento explícase a dotación atendendo ao “obxectivo de incrementar o desenvolvemento económico e elevar o emprego da poboación traballadora do ámbito territorial obxecto de actuación”.


O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, asinaron este plan o pasado día 17 de setembro en Santiago de Compostela. Naquel momento non se adiantou a contía da inversión á espera de ser concretada nos Presupostos Xerais do Estado, compromiso que agora se fai realidade.

A posta en marcha deste plan resposta ao obxectivo de posibilitar melloras substanciais en termos de actividade e de ocupación, nos mercados de traballo de Galicia, o que permita ir reducindo os desfases que a separan da media española.

A finalidade deste plan será, por unha parte, favorecer a xeración de emprego nos sectores económicos menos desenvolvidos con especial atención ás zonas rurais e ás que resulten afectadas por catástrofes naturais ou doutra índole e, por outra, promover a inserción laboral dos desempregados mediante a creación de itinerarios de inserción:


- Impulsando a inserción laboral de colectivos con maiores dificultades como mulleres, mozos desempregados menores de vinte e cinco anos, parados de longa duración.
- Apoiando a reincorporación á vida laboral de persoas que abandonaron o mercado de traballo.
- Apoiando a inserción no mercado laboral de persoas discapacitadas e de inmigrantes.


Estes obxectivos deberán ser alcanzados a través dunha serie de actuacións que serán desenvolvidas polo Servizo Público de Emprego Estatal e a Comunidade Autónoma de Galicia, no marco de políticas activas de emprego que complementen e afonden nas adoptadas nos plans nacionais de acción para o emprego.

A posta en marcha deste plan, e a súa importante dotación económica, ven a reafirmar o compromiso do novo Executivo galego por alcanzar a converxencia con España en materia laboral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia