Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que a Xunta elaborará seis plans estratéxicos co obxectivo de acadar o máximo crecemento económico na comunidade

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno que preside está a traballar na elaboración de seis plans estratéxicos, co fin de acadar o máximo desenvolvemento económico da Comunidade e situar a Galicia “á altura dos tempos”, no lugar que lle corresponde dentro de España e de Europa.

Durante a súa intervención no VII Congreso Nacional de Economía, que se está a desenvolver na Coruña, Emilio Pérez Touriño explicou que a proposta do Goberno galego para acadar este crecemento económico se vai basear en seis piares fundamentais: a cualificación do factor humano; a innovación tecnolóxica; a protección do medio ambiente; a dotación de infraestruturas; o equilibrio territorial; e a cohesión social.

“Para cada un destes epígrafes –lembrou Pérez Touriño-, elabora xa a Xunta de Galicia Plans Estratéxicos, cuxas primeiras directrices xa expuxen no meu discurso de investidura”.


Neste sentido, o presidente da Xunta explicou que os piares nos que se basea o Goberno que dirixe, constitúen os cimentos dun proxecto orientado non só ao reforzamento interior da economía e da sociedade galegas -co ánimo de mellorar os estándares distributivos da riqueza e a consecuente cohesión social-, senón, sobre todo, ao reforzamento da posición de Galicia no mundo, “como unha das economías capaces de ocupar un espazo específico de competencia”.

“A encomenda que a min me toca agora –sinalou a este respecto- é a de fortalecer a Galicia como realidade política e institucional, para facela capaz de definir e executar unha política económica socialmente integradora e dirixida a satisfacer as aspiracións de futuro”.


Desenvolvemento “rápido, intenso, equilibrado e sostible”


Emilio Pérez Touriño proseguiu a súa intervención explicando que o proxecto que vai pór en marcha a Xunta está orientado a acadar un desenvolvemento económico “rápido, intenso, equilibrado e sostible”.

Rápido, segundo explicou, porque “xa é moito o tempo que perdemos e a ninguén lle sobra tampouco outro tempo adicional para esperarnos”; intenso, porque “é moita aínda a distancia que nos separa dos niveis de benestar que xa disfrutan outros pobos españois e europeos”; equilibrado, para atender aos requirimentos inaprazables da cohesión social e “para que a súa mesma forza interna sexa garantía de viabilidade a longo prazo”; e ambientalmente sostible, “por unha simple cuestión de supervivencia” e “de sentido común”.

Mellora da calidade e da capacidade da economía galega

Na súa intervención, o titular do Goberno galego tamén reflexionou sobre as “extraordinarias” transformacións que se produciron no mundo desde o último tercio do século XX e que contribuíron a establecer a dimensión mundial do mercado. Por iso, e co fin de competir “neste preciso e complexo contexto”, apostou por orientar a economía galega cara a mellora da capacidade e da calidade. Neste sentido, Emilio Pérez Touriño salientou que é preciso buscar vantaxes comparativas de calidade dos proxectos empresariais galegos “cun nivel de operación non facilmente acadable para a xeneralidade dos competidores potenciais”.


Para a consecución destes obxectivos, o presidente da Xunta avogou por traballar “máis intensa e decididamente” en cinco campos concretos: a elevación do nivel de cualificación dos traballadores, implicando aos sistemas educativo e produtivo; o respaldo ao traballo das universidades galegas e empresas en investigación, desenvolvemento e innovación; a busca de opcións comerciais diferenciadas, ben polas condicións tecnolóxicas ou polas especificidades orixinarias do produto e incluso polas condicións de organización da loxística da súa comercialización; o apoio aos esforzos de internacionalización de empresas e produtores, para estar presentes na primeira liña de xeración de valores e oportunidades; e o respaldo a estruturas empresariais potentes, flexibles e innovadoras, “capaces de constituírse en referencias centrípetas do proceso de modernización empresarial no contexto da internacionalización”.

Puntos fortes cos que conta Galicia

“Direilles que tampouco nestes puntos partimos de cero”, indicou Emilio Pérez Touriño, xa que “a docencia impartida polas nosas universidades e os proxectos de investigación que desde elas se promoven, gozan de recoñecemento dentro e fóra de España”. Grazas a isto, engadiu o presidente da Xunta, a Comunidade galega conta cun elevado número de mozos profesionais con niveis de cualificación equiparables aos que existen “nos países máis prósperos que o noso”.

Nesta liña, o titular do Goberno galego tamén sinalou que Galicia conta con empresas que operan a nivel mundial, exportando produtos propios, diferenciados e de calidade, e distribuídos en base a organizacións loxísticas propias e altamente eficaces. Emilio Pérez Touriño salientou, ademais, a cualificación dos homes e mulleres que desempeñan responsabilidades institucionais, e que tamén dispoñen de “ideas de modernidade” e “dunha concepción rigorosa, democrática e cívica das súas responsabilidades no servizo ao interese colectivo”.

Prioridades

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico referiuse a que o novo Goberno da Xunta xa revisou as súas prioridades políticas que se van ver reflectidas nos primeiros Orzamentos Xerais da Comunidade que se presentarán, en breve, no Parlamento de Galicia, orientando “os maiores e acrecidos esforzos financeiros” cara a educación, as infraestruturas e a promoción económica”. Neste sentido, lembrou que tamén o Goberno español asumiu “a súa parte de esforzo por Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado para 2006”, con dotacións dirixidas aos programas de desenvolvemento das novas infraestruturas.


Sociedade forte


Por último, o presidente da Xunta amosouse confiado en que é posible construír unha sociedade forte na que cada quen, “desde a súa posición específica”, poida sentirse partícipe dos proxectos comúns de futuro. “Sen unha sociedade forte que o protagonice –salientou Pérez Touriño- non hai modo de poñer en marcha un proxecto económico de longo alcance, de envergadura e ambicioso”. Por iso apostou porque as principais institucións educativas, empresariais e políticas galegas se impliquen na procura da modernización económica e no benestar social da “Nova Galicia que queremos construír”. “Confío plenamente nas posibilidades desta vía social, concertada, integradora, de esforzo a favor do crecemento económico. Creo que a democracia nos axudará a medrar e que o crecemento reforzará a nosa democracia”, subliñou.

Finalmente, Emilio Pérez Touriño recoñeceu que Galicia ten “moitos problemas” e arrastra “moitas demoras”, pero amosouse confiado en que a Comunidade avance “máis rápido que outros”. “Sabemos como facelo e sabemos que xuntos poderemos logralo”, asegurou.

VII Congreso Nacional de Economía

O VII Congreso Nacional de Economía, inaugurado hoxe polo presidente da Xunta co relatorio Galicia ante os Retos dunha Economía Global. Estratexias para o século XXI, celebrarase ata o 30 de setembro no Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña. Este encontro, que reunirá a máis de mil especialistas en economía –preto de 70 relatores e máis de 800 congresistas- analizará a perspectiva de Europa nunha economía global e as estratexias para o século XXI. O congreso contará coa participación de destacados economistas, entre eles, o premio Nobel do ano 2001 Joseph Stiglitz. Así mesmo, tamén intervirán estudosos e membros do Goberno estatal e autonómico. A ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa; o comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios da Unión Europea, Joaquín Almunia; o administrador principal da División de Contabilidade e Auditoría da Comisión Europea, Jean Philipe Rabine; o secretario xeral de Facenda, Javier Burgos Belascoaín, e os conselleiros de Economía e Facenda e de Traballo, Xosé Ramón Fernández Antonio e Ricardo Varela, respectivamente, figuran entre os participantes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia