Skip to main content

O conselleiro de Traballo comprométese a revitalizar o papel do Comité Autonómico de Emprego

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presidiu a primeira reunión do Comité Autonómico de Emprego, que se celebra dende o cambio de Goberno. No encontro participaron os directores xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación, Álvaro Ansias e Pastor Fuenteseca, respectivamente, representantes dos sindicatos maioritarios de Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia.

O titular de Traballo comunicou a súa intención de revitalizar o papel do Comité Autonómico de Emprego para fomentar políticas activas de emprego e mellorar o Servizo público de Galicia, dentro do marco dos acordos que se adopten no diálogo social. Varela asegurou que a nova Administración quere dar un novo sentido e contido ao CAE, mantendo unha comunicación directa e constante cos seus membros, coa fin de recuperar a esencia pola que fora creada.

O responsable de Traballo recordou aos asistentes que un dos eixos fundamentais da nova etapa do Goberno, e polo tanto do departamento que dirixe, céntranse na mellora da calidade do emprego e da productividade da economía galega, ademais de acabar cos altos índices de paro e coas altas cifras de sinistralidade.

Ricardo Varela reafirmou que para alcanzar este obxectivo é fundamental restablecer o diálogo social, roto polo anterior Goberno e impulsado polo Presidente da Xunta de Galicia dende o primeiro día do seu mandato, poñéndose en contacto cos axentes sociais e económicos. Varela recordou que, el mesmo tivo ocasión de recibir aos líderes sindicais e empresariais aos poucos días de tomar posesión do seu cargo.

O conselleiro de Traballo apostou polo papel das organizacións sindicais e empresariais dentro do sistema de relación laborais, pois xogan un papel de equilibrio entre o económico e o social.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia