Skip to main content

Touriño emplaza ao PP a dicir se quere dialogar ou non para a reforma do Estatuto

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, emprazou esta mañá a “Manuel Fraga e ao PPdeG” a que “digan se queren dialogar ou non queren dialogar” para reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia. O titular da Xunta dixo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que “hai unha oferta permanente, estable e aberta de diálogo e de concertación para poñer en marcha o que necesitamos poñer en marcha”.


Touriño insistiu “dende aquí e formalmente” a súa “invitación e a demanda a Manuel Fraga e ao PPdeG para que digan se queren dialogar ou non queren dialogar” e sinalou que “nos estamos quedando os últimos” e que “somos practicamente xa a única Comunidade que non puxo en marcha o proceso de reforma do Estatuto”. E por iso chama ao principal partido da oposición a definir publicamente “se está en disposición de participar no diálogo, de sentarse nunha mesa, de falar dende a responsabilidade mutua e dende o mutuo respecto e dende o respecto á Constitución”.

Neste sentido, advertiulles que “non é bo que estean permanentemente alarmando e creando sensacións de riscos inexistentes, buscando non sei moi ben que dende unha moi escasa confianza da capacidade de Galicia, dos galegos e das galegas”. O xefe do Executivo galego dixo que “este é un país maduro, que cree e ama a súa Constitución e, polo tanto, que non ten problemas neste sentido” e, polo tanto, “que estamos en disposición de abordar o diálogo”.

Reforma da lei electoral

O presidente galego rexeitou as críticas da oposición sobre a reforma da lei electoral. Negou que se trate dunha medida “partidista” e indicou que esta norma “pode e debe ser mellorada en beneficio do conxunto do país”. “Unha reforma da lei electoral –dixo- ha de facerse sempre -porque é unha modificación das regras de xogo-, intentando buscar o diálogo, o acordo”. Neste sentido, indicou que o Goberno galego estará “en disposición de sentarse para falar dese proxecto de lei” coa oposición. Touriño destacou que convocará “ao PP para falar” deste asunto “no seu momento” porque ”responde ao interese xeral de adaptar o que a lei electoral á realidade do país”.

O xefe do Executivo autonómico explicou que na actualidade “hai unha asimetría moi forte” e que “sería bo tentar diminuír” esa diferenza de representación porque “non é boa dende o punto de vista democrático”, tendo en conta “o conxunto equilibrado que ten que ser o país”.

Así mesmo, Emilio Pérez Touriño dirixiuse aos cidadáns das provincias de Lugo e Ourense para pedirlles que teñan “confianza e tranquilidade” porque o Goberno da Xunta manterá sempre “unha posición de belixerancia na defensa dos seus intereses” e enmarcou esta iniciativa nun “esforzo de reequilibrio económico, social e tamén político”.

Visita do presidente Zapatero

Respecto da visita do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, a Galicia, Touriño destacou que se trata da primeira viaxe oficial, “institucional”, que fai aos territorios do interior da Comunidade. Zapatero visita as provincias de Ourense e Lugo e o presidente galego puxo de releve a “simboloxía e o interese político” desta visita ao producirse uns días “despois de ter presentado o Goberno os orzamentos xerais do Estado”, o que permitirá –segundo dixo Touriño- “coñecer con máis intensidade os elementos básicos da política do Goberno reflectidos nos orzamentos”.

Así mesmo, indicou que a visita propiciaría tamén a “posta en común” e a posibilidade de compartir “algúns aspectos de interese para a Comunidade galega.

Director da TVG

Por outra banda, o titular da Xunta anunciou que a xuntanza do Goberno galego de hoxe aprobara o nomeamento de Benigno Sánchez como novo director da Compañía de Radio Televisión de Galicia e amosouse confiado en que o novo equipo da canle pública autonómica “estea a altura das circunstancias e das esperanzas que se depositan neste proxecto”. Touriño apuntou esta decisión como un piar dos “compromisos que ten asumido o Goberno en relación coa garantía de pluralidade, de independencia e de calidade na xestión dos medios públicos de comunicación”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia