Skip to main content

O actor franco-galego José García ofrécese para promocionar o cine galego en Francia

O actor José García, fillo de emigrantes galegos e un dos rostros máis coñecidos do panorama cinematográfico francés, comprometeuse a favorecer sinerxias entre a industria cinematográfica gala e a galega para acabar coa falta de comunicación existente e, dende o seu punto de vista, “incomprensible” dada a cercanía de ambos os dous países. José García incidiu na necesidade de establecer pontes que permitan achegar o cinema galego ao público francés e viceversa. Neste senso, destacou as coproducións como instrumento idóneo para fomentar estas conexións e para dar a coñecer novos directores e actores, ao tempo que adiantou a súa participación nunha futura coprodución con Galicia.

O actor fixo estas declaracións na presentación dun programa de actos que teñen como obxectivo principal dar a coñecer en Galicia a súa carreira cinematográfica. Ignacio Varela, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, entidade dependente da Secretaría Xeral de Comunicación e organizadora do ciclo, foi o encargado de presentar o acto, no que tamén participou Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico de La Voz de Galicia.

José García amosou o seu agradecemento por terse organizado estes actos na súa homenaxe. Destacou o labor que está levando a cabo a Xunta de Galicia para promocionar a produción cinematográfica galega e fixo un chamamento a que as autoridades tomen medidas de cara á protección e expansión do sector, dado que “o cine é a primeira imaxe, a primeira carta que un país dá ao mundo”.

O actor franco-galego tamén falou das deficiencias do cinema español en xeral e do galego en particular, deficiencias que para el teñen a súa orixe na falta de promoción. José García sinalou que en España non se adican esforzos ao labor de marketing. “Non se fan xiras nin se vai ao encontro coa xente, e iso é moi importante”, afirmou.

José García recibirá no Carballiño a Medalla de Ouro da vila da man do seu alcalde, Carlos Alberto Montes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia